www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 11 de Decembro de 2018

Xoves do Corpus ou Xoves da Coca?
Política • 1/10/2018
Autor: M. X. Queimaliños

A polémica está servida logo de que no debate dos festivos locais para o 2019 se puxera sobre a mesa a denominación do festivo do vindeiro 20 de xuño. Mentres para o PP a denominación correcta debería ser Xoves do Corpus Christi tendo en conta a vinculación relixiosa da data, opinión compartida tamén polo PSOE, o resto dos grupos criticaron que por vez primeira na historia predominase o seu carácter relixioso sobre a tradicional referencia ao Xoves da Coca. Aseguraban dende AER que "nin na época franquista se optara pola denominación relixiosa". En todo caso, os festivos do ano que vén serán o Luns do Cristo (29 de abril) e o xoves da Coca/Corpus ( 20 de xuño).


O debate en torno aos festivos locais é recorrente nos últimos anos, con discrepancias en torno ao Luns do Cristo. Unha data que defenden dende o PP "atendendo ao arraigo que esa celebración relixiosa ten na nosa vila". Tamén o PSOE avoga por manter ese festivo, aínda que os seus argumentos xiran habitualmente no feito de que "un luns non laboral favorece a todos aqueles veciños que traballan no concello e que poden así gozar dunha ponte de tres días".


O resto dos grupos, AER, BNG e edil non adscritos, manifestan ano tras ano a súa oposición a un festivo de carácter exclusivamente relixioso "con poucas actividades en Redondela que se centra principalmente nunha procesión a partir das 20:00 horas, motivo polo que defenden substituír esa data polo Martes de entroido "unha celebración cun masivo seguimento en Redondela nunha xornada onde se contan por centos o número de veciños que participan durante todo o día das tradicionais comidas do carnaval".


Un debate que este ano tivo un ingrediente máis ao presentar o PP o 20 de xuño como festivo local por ser a celebración do Corpus Christi, na vez de manter a tradicional denominación de Xoves da Coca. Era o voceiro de AER o máis belixerante na cuestións ao lembrar que "en Redondela, nin con Franco deixaron de chamarse Festas da Coca".


Mentres BNG e o edil non adscrito apoiaban a crítica de AER, o PSOE restaba importancia ao asunto e dende o PP insistíase en que "é un festivo relixioso, nos guste ou non, e non vemos o problema por compartir nos carteis a denominación de Corpus Christi e Festa da Coca".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: