www.radioredondela.com | Hoxe é Domingo, 15 de Decembro de 2019 |
Cadea humana para concienciar sobre a artrite
Sociedade • 28/09/2018
Autor: M. X. Queimaliños Persoas con artrite, familiares e profesionais socio-sanitarios uniranse este sábado 29 de setembro para conformar unha cadea humana en Redondela, co obxectivo de facer visible esta enfermidade crónica e incapacitante, que en España afecta a preto dun millón de persoas. Esta cadea humana partirá ás 12.00 horas do Concello de Redondela. Con esta iniciativa, a Asociación Enfermos de Artrite Pontevedra (Asearpo) e a Coordinadora Nacional de Artrite (ConArtritis) pretenden lembrar á sociedade a necesidade de que as persoas que teñen esta patoloxía en calquera das súas formas (reumatoide, psoriásica, idiopática xuvenil e espondiloartritis) conten cunha atención especializada e que estas manteñan unha actitude positiva ante o seu tratamento. "Aínda que é certo que estas enfermidades nos van acompañar o resto da nosa vida, non podemos escondernos, porque a maneira en que a afrontemos cada día, o nivel de implicación que mostremos no noso coidado e no tratamento global, e a relación que teñamos cos profesionais sanitarios e socio-sanitarios e coas persoas da nosa contorna son fundamentais para saír adiante, superando as dificultades", explica Mabel Avendaño, presidenta de Asearpo. Para facer posible este obxectivo e dar a coñecer as características desta enfermidade, provocada pola inflamación das articulacións, Asearpo instalará puntos informativos o próximo 1 de outubro no Hospital Provincial de Pontevedra, no Hospital Comarcal,do Salnés e na porta do Concello de Redondela, desde as 9.00 até as 14.00 horas, baixo o lema "Déixache ver".
|
Comentarios |
|
|