www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 20 de Outubro de 2018

Os contedores do lixo volverán a rúa durante o día no centro da vila
Política • 28/09/2018
Autor: M. X. Queimaliños

O goberno local deberá renunciar a unha "medida pioneira" que se viña aplicando dende hai seis meses e que consistía na retirada dos colectores das rúas Alfonso XII, Ribeira e Xeneral Rubín en horario diurno. Manter esta práctica suporía un custo anual de 36.000 euros. Mentres dende o PP xustificaban a iniciativa por entender que mellora esteticamente o casco urbano, dende a oposición entenden que se trata dun gasto innecesario, que non foi demandado polos veciños e cuxa aplicación suporía un trato discriminatorio respecto doutras zonas do concello.


A iniciativa de Medio Ambiente buscaba mellorar a estética das rúas do centro con retirada dos colectores de lixo durante o día, recipientes que eran colocalos novamente entre as 20:00 e as 24:00 horas para que veciños e comerciantes puideran deixar o lixo.


Manter esta iniciativa suporía un incremento de 36.000 euros anuais en beneficio de Urbaser, empresa concesionaria encargada da recollida do lixo. Sen embargo, a modificación do contrato con esta empresa era rexeitado onte en pleno, logo de que todos os grupos da oposición votaran en contra dunha medida que entenden innecesaria.


O edil non adscrito, Enrique Fojo falaba de "agravio comparativo" ao afectar a iniciativa a unha zona moi restrinxida do casco urbano. Pola súa banda o concelleiro nacionalista Xoán Carlos González falaba dunha "decisión caprichosa e clientelar do goberno local xa que descoñecemos se hai algún colectivo que demandara este medida que supón ademais abrir a porta a que Urbaser aplique esta iniciativa noutras zonas, o que suporía un custe moito maior". Incidía tamén nos problemas que supón para o tráfico e a seguridade dos peóns as manobras do camión cando carga e descarga os colectores.


Argumentos semellantes os expostos dende a Agrupación de Electores quen desmontaban os motivos esgrimidos dende o goberno local para poñer en marcha esta iniciativa "os cheiros eliminaríanse limpando os contedores máis a miudo e non retirándoos da rúa" explicaba Javier Bastos.


O PSOE insistía na idea de que a limpeza do centro empeorou dende que se está a aplicar esta medida "porque como non hai colectores, a xente deixa o lixo depositado na rúa" e reiteraba que se trata dunha iniciativa inxusta que afecta tan só aos veciños do centro.


Co seu voto en contra a oposición impedía que esta retirada diurna se consolide, unha negativa que a concelleira popular Carmen Amoedo entende responde "a uns grupos políticos mediocres que non son quen de ver os beneficios dun servizo pioneiro, mentres o PP fala de facer unha Redondela con maiúsculas, a oposición fala de contedores".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: