www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 11 de Decembro de 2018

Vinte desempregados de Soutomaior e Pazos fórmanse en hostalaría nun obradoiro de emprego
Institucional • 26/09/2018
Autor: M. X. Queimaliños

O delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, presentou este martes o obradoiro Hostalería Río Pequeno, posto en marcha pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e compartido polos concellos de Soutomaior e Pazos de Borbén, no se que se formarán nos vindeiros nove meses 20 desempregados.


O representante autonómico, quen estivo acompañado polos alcaldes de Soutomaior, Agustín Reguera, e de Pazos de Borbén, Andrés Iglesias, puxo en valor o obxectivo da carteira autonómica cunha nova programación de obradoiros que "busca impulsar a empregabilidade de 2.000 persoas en Galicia"


Respecto ao obradoiro que se desenvolverá a partir de mediados de outubro na localidade de Soutomaior, o representante autonómico destacou o alto índice de empregabilidade da anterior convocatoria. "Foi de practicamente o cen por cen", segundo apuntou o alcalde Agustín Reguera, quen insistiu en que na convocatoria 2018-2019 repiten as especialidades de cociña e restauración.


Nesta liña, o delegado da Xunta apuntou aos máis de 2 millóns de euros que a Consellería de Economía Emprego e Industria destina a este programa na área territorial de Vigo, en colaboración cos concellos de Vigo, Gondomar, Baiona, Nigrán, Redondela, Mos, Soutomaior, Pazos de Borbén, Cangas e Moaña, co obxectivo de aumentar as oportunidades laborais de 140 desempregados. En total poranse en marcha 7 obradoiros duais a través dos que os beneficiarios contarán cun período de formación de nove meses e un contrato laboral posterior de alomenos outros 3 meses.


Ata o de agora, os obradoiros de emprego ofrecían ás persoas sen traballo cualificación e un contrato de aprendizaxe durante 9 meses. Agora, ademais, a Xunta apoiará a contratación, como mínimo de 3 meses e a xornada completa, nunha empresa, onde os alumnos e alumnas do obradoiro poderán realizar as súas prácticas.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: