www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 11 de Decembro de 2018

O Rodosa Chapela, a pola fase de ascenso
Deporte • 25/09/2018
Autor: Ana Prieto

O equipo de Fran Teixeira estreou temporada ante o seu público e fíxoo cun triunfo ante o Teucro. O club buscará un ano máis acceder a un dos postos que dan dereito á fase de ascenso. O adestrador sabe que será difícil, porque son moitos os equipos na pelexa. O sábado viaxan a Ribadavia para medirse ao Carnes do Ribeiro.


O bo resultado dos de Fran Teixeira ante o filial do Teucro na primeira xornada de liga (36-29) serve para confirmar o obxectivo do equipo, que non é outro que meterse nos postos de fase de ascenso. O adestrador é consciente de que as prazas están "moi cotizadas" e que haberá moitos equipos na pelexa. A liga ten un alto nivel "o que é moi positivo para o balonmán galego", segunto Teixeira, malia que tamén fará máis dura a competencia por rematar a temporada na cabeza da táboa. O técnico do Chapela ten claro que os rivais máis fortes serán Lavadores, Cañiza, Calvo Xiria, Lalín e Xixón, entre outros aspirantes a participar no sector. Destaca ademais que ningún equipo comeza a liga "co obxectivo de non descender" e que calquera dos 15 equipos que os acompañanan neste grupo da Primeira Nacional "dará a batalla". Por iso se amosa moi satisfeito de ter comezado a competición "cun triunfo na casa". Para acadar o obxectivo Teixeira conta cun vestiario "algo curto", que se reforzará con xogadores da liga territorial e tamén da categoría xuvenil "que xa están axudando moito ao equipo nos adestramentos". A próxima xornada desprázanse ao pavillón do Carnes do Ribeiro-Ourense Termal. O club de Ribadavia, malia ser un recén ascendido, conta cun equipo de moi alto nivel, e aínda que perdeu na estrea de liga en Xixón, fíxoo por tan só por 1 gol de diferencia nun partido moi igualado. Texiera salienta o nivel dalgúns dos seus xogadores, con experiencia en Asobal. Para o técnico de Chapela é moi importante puntuar neses pavillóns, porque será aí "onde se decida a clasificación ao final da liga". O encontro será o sábado, ás 18.30 horas no pavillón municipal O Consello.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: