www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 11 de Decembro de 2018

Nove meses de abandono en Chapela e Trasmañó
Sociedade • 24/09/2018
Autor: Ana Prieto

Hai nove meses que se inauguraron as obras de ampliación da AP-9, e nada se sabe das melloras comprometidas polo goberno e Audasa para Chapela e Trasmañó. Tampouco se realizaron aínda as reposicións dos servizos afectados polos traballos, con viais que levan máis dun ano sen asfaltar. Os acordos para instalar pantallas acústicas que reduzan o ruído, e a eliminación da peaxe entre Redondela e Vigo, tampouco se fixeron efectivos. Os veciños séntense "abandonados".


En decembro do ano pasado inaugurouse a ampliación da autoestrada por parte do anterior goberno do PP. Unhas obras que supuxeron un grave prexuizo para os veciños de Chapela e Trasmañó, con importantes expropiacións, afeccións de camiños e servizos, e molestias polos ruídos, entre outros problemas. Existe un compromiso co ministerio de Fomento para compensar a estas parroquias, cun investimento de 11 millóns de euros. Inclúense na partida obras como a urbanización da estrada do Torreiro, Pasán, ou a ampliación da ponte de Trasmañó. Veciños como Juanjo lamentan que, nove meses despois, ningún servizo estea reposto, xa que ata o de agora "non se fixo nada". Todos os veciños da zona coinciden en que son moitas as reposicións que quedan aínda por facer, malia que algúns son optimistas, e confían en que as realicen nos próximos meses. Amador pensa que as obras se rematarán , aínda que advirte que aínda tardarán "bastante tempo". Resignado, sinala que despois de tantos anos afectados pola autoestrada, os veciños xa o teñen "asumido". Os ruídos que padecen por mor do tráfico da AP-9 e a estrada nacional é un dos maiores problemas para os veciños que viven nas proximidades destes viais. Fomento comprometeuse a instalar pantallas sonoras e realizar outras actuacións para a reducir a contaminación acústica, actuación valorada en 2,8 millóns de euros. Pero polo de agora, nada se sabe desas melloras. Ángel asegura que o ruído que soportan é "insufrible".


Peaxe de Rande


Outra reivindicación histórica dos veciños, e que fora aceptada polo anterior ministro de Fomento, é a supresión da peaxe entre Redondela e Vigo. Íñigo de la Serna prometera eliminar o pago, e establecera como data o pasado mes de xullo. O cambio de goberno podería lastrar esta decisión, o que segundo Fernando é "un desprezo aos redondeláns", mentres que os cidadáns do Morrazo teñen a autoestrada de balde. Para Ángel a situación "é inxusta", e xa hai anos que a peaxe debería estar eliminada, o que permitiría tamén reducir o número de camións que circulan pola parroquia.


Ante esta situación as asociacións de veciños de Chapela e Teis xa convocan unha manifestación que o próximo sábado, día 29, esixirá a Fomento a eliminación da peaxe Rande-Vigo. Sairá ás 19.00 horas da rotonda de Padín e rematará no centro de saúde de Chapela. Pero algúns veciños van máis aló. Carlos entende que as protestas deben ser "máis radicais e cortar o tráfico na propia autoestrada" ao tempo que esixe do alcalde, Javier Bas, que se poña á fronte destas movilizacións. O certo é que a situación que levan anos vivendo os veciños de Chapela e Trasmañó leva a moitos deles a sentirse "abandonados" polas distintas administracións. Lamentan que o goberno local de Redondela non tivera tomados medidas "hai xa meses" e critican o cruce de acusacións entre o PP e o PSOE, que fan da cuestión unha lea política metres os problemas dos que residen na zona seguen sen resolverse. Aseguran sentirse "desamparados" ante a actuación da concesionaria Audasa "que só mira polos seus intereses", mentres desde o Concello, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Fomento "deixan desprotexidos aos veciños". E mentres os traballos continúan na autoestrada, malia que foi inaugurada hai 9 meses. Na ponte todas as noites se corta algún dos carrís, e Audasa aínda non deu un prazo para rematar por completo as obras, que afectan á seguridade no viaducto.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: