www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 20 de Outubro de 2018

O Rodosa Chapela comeza a liga con vitoria
Deporte • 24/09/2018
Autor: Ana Prieto

Os de Fran Teixeira impuxéronse ao Teucro (36-29) no primeiro partido da temporada. Peor sorte para os equipos da División de Honra Prata Feminina, con derrotas da SAR Rodavigo e Cíes Chapela ante BM Xixón e Carballal, respectivamente.


División de Honra Prata Feminina



SAR Rodavigo 26-31 Balonmán Xixón


O conxunto redondelán sufriu unha derrota ante o Balonmano Xixón. As locais mantivéronse por diante no marcador ata o minuto 20 de xogo, pero despois pouco a pouco foron cedendo terreo. As de Elisardo Covelo "Chini" baixan á 5ª praza, e preparan o encontro da próxima fin de semana, que as levará a Vigo para medirse ao Seis do Nadal, que aínda non sumou ningún punto.


Cíes Chapela 26-34 A.D. Carballal


O derbi comarcal disputado onte domingo no pavillón de Chapela saldouse coa vitoria do Carballal ante o conxunto anfritrión. As pupilas de Chiki Castro dominaron o enfrontamento cun ritmo de xogo alto para chegar ao descanso con catro tantos de renda (11-15). No segundo acto recortou diferenzas o equipo local, pero despois o vigués rompeu o enfrontamento de forma definitiva (26-34). Beatriz Soa anotou 9 tantos para o Carballal.


Primeira Nacional Masculina



Rodosa Chapela 36-29 Teucro


Estreouse con vitoria o Rodosa Chapela e ante o seu público, e os de Fran Teixeira buscarán un ano máis ser candidatos a ocupar os postos que dan dereito á fase de ascenso. O resultado de onte ante o filial do Teucro serve para confirmar o obxectivo. O encontro comezou igualado pero pronto os locais conseguiron unha boa renda de goles (17-14 descanso), o que lle permitiu comezar a segunda parte con mais tranquilidade e seguir ao mando do marcador sen dar opción ao S.D. Teucro San Narciso ata o 36-29 final. A próxima xornada desprázanse ao pavillón do C.Ourense, que perdeu na estrea en Xixón por tan só 1 gol.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: