www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 11 de Decembro de 2018

O Concello de Redondela pide a colaboración da Xunta para o traslado da depuradora
Institucional • 18/09/2018
Autor: Ana Prieto

O alcalde, Javier Bas, aproveitou a visita do vicepresidente Rueda para reiterarlle a necesidade de trasladar a depuradora de Redondela a outro emprazamento. Os malos cheiros que en ocasións xenera a EDAR supoñen un grave problema nunha zona de servizos como a marisma, cos centros de ensino, pavillóns e centro de saúde.


Malia que en 2014 a Consellería de Medio Ambiente realizou un investimento de case 200.000 para reducir os olores cun novo sistema de desodorización, a mellora non foi suficiente. A depuradora, inaugurada en 1993, supón un grave prexuízo na súa ubicación actual, xa que se atopa nunha ampla zona de servizos para a cidadanía, como colexios, institutos, instalacións deportivas e centro de saúde. Bas explica que o sistema de depuración da EDAR de Redondela "é antigo" e non se beneficia de tecnoloxía máis moderna coa que se poderían eliminar os cheiros. O feito de que en moitos lugares do municipio as augas pluviais non se separen das fecais, tamén supón un problema de saturación na depuradora na época de chuvias. Ante a imposibilidade de reducir os problemas de malos cheiros, o goberno local estuda agora "outras alternativas, como o seu traslado a outro lugar". Para iso piden a colaboración da Xunta de Galicia. Solicitan que a Consellería de Medio Ambiente realice un estudo sobre as necesidades do municipio e as características que debera ter unha nova depuradora, para estudar unha nova ubicación que non cause prexuízos á cidadanía.


O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, comprometeuse a estudar a proposta do alcalde, nunha reunión de traballo realizada no Concello. Rueda destacou a importancia da cooperación cos concellos para acometer obras que melloren a calidade de vida dos veciños. Fíxoo durante esta visita a Redondela na que estivo acompañado tamén polo delegado territorial do Goberno autonómico, Ignacio López-Chaves. Rueda visitou algunha das actuacións que se están levando a cabo con fondos da Vicepresidencia da Xunta de Galicia. Así, puido comprobar a reforma do parque infantil do Salgueiral, a próxima renovación do pavimento da Alameda Castelao, ou o novo parque en Vilar. En total, este ano Redondela recibe 145.000 euros da Vicepresidencia da Xunta de Galicia, unha cantidade que ascende a case 750.000 euros se se suman os fondos da última década realizados a través do Fondo de Compensación Ambiental, a Orde de Infraestruturas ou as colaboracións directas, como sucede no caso da alameda.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código:

Audios relacionados co artigo
Javier Bas alcalde
Bas aproveitou a visita do vicepresidente Rueda para reiterarlle a necesidade de trasladar a depuradora de Redondela a outro emprazamento.
Alfonso Rueda vicepresidente da Xunta
Rueda visitou algunha das actuacións que se están levando a cabo con fondos da Vicepresidencia.
Obras na Alameda e parques
O alcalde agradeceu a visita de Rueda para coñecer as obras que se financian con axuda da Xunta.
Depuradora obsoleta
A antigüedade da depuradora e o feito de que recolla tamén augas pluviais fan que o seu funcionamento non sexa axeitado.
Estudo da Xunta
Rueda comprometeuse a facer un estudo para ver cal é o mellor emprazamento para a estación EDAR.