www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 20 de Outubro de 2018

Educación só garante un profesor a tempo parcial en resposta as demandas dos pais
Sociedade • 18/09/2018
Autor: M. X. Queimaliños

Pais e nais acompañados dos seus fillos protagonizaron onte unha sonora concentración ás portas do Concello e anuncian novas protestas de cara aos vindeiros días. Unha mobilización que contou co apoio dos mestres do centro e de representantes de todos os partidos políticos, dende PP e PSOE pasando por AER e o BNG. Insisten na necesidade de manter as dúas liñas en sexto de primaria "atendendo ás características específicas deste curso, con 26 alumnos e con numerosos rapaces e rapazas con necesidades especiais".


A ANPA mantivo a convocatoria de mobilización logo de que a reunión celebrada polo mañá en Inspección educativa non atendera ás demandas dos pais, que pasa porque se manteña o desdobramento na clase de 6º nas condicións das que viñan gozando ata o pasado curso. Unha das nais afectadas, Esther López Carbajal, explicaba que as súas demandas pasan por manter os dous grupos un ano máis, tal e como así o recomendan os servizos de Orientación e a propia inspección.


Con todo, dende a Consellería rexeitan a reclamación logo de que se incrementase o ratio de alumnos por clase "que pasou de 26 a 28". Un argumento que non convence aos proxenitores xa que insisten en que non é unha cuestión de número senón das características específicas deste curso.


As mobilizacións de onte arrancaban xa pola mañá, con nenos e profesorado que acudía a clase vestidos de loito en contra dos recortes educativos. Xa pola tarde, trasladaban as súas protestas ao centro da vila, cunha ruidosa concentración ás portas do concello que remataba coa lectura dun manifesto por parte da ANPA.


Malia que dende a Consellería se comprometeron a incrementar o apoio ao centro cun profesor a media xornada e a reunirse co equipo directivo e cos pais novamente neste trimestre para coñecer como se desenvolve o curso, esa solución non convence aos pais que xa anunciaron que celebrarán novas mobilizacións para acadar o seu obxectivo.


Dende a ANPA convocan unha reunión este venres ás 19:30 na que se abordarán cuestións propias do inicio do curso e falarse da medidas a tomar para manter a presión sobre a Consellería.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: