www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 23 de Setembro de 2018

Miguel García: "O obxectivo é manter ao C.D. Arcade na Primeira Galega, polo que tocará sufrir"
Deporte • 11/09/2018
Autor: Ana Prieto

Despois de máis dunha década o equipo de Arcade regresa á primeira categoría autonómica, unha liga esixente na que destacan equipos como o Pontevedra B ou o Sporting Guardés. O presidente ten claro que a permanencia será difícil, pero confía no equipo e o corpo técnico para acadar o obxectivo.


García lembra que poucos apostaban polo equipo a pasada temporada, e sen embargo foron quen de facer unha gran campaña e conseguir o ascenso. Por iso é optimista cos resultados do equipo, que mantén ao corpo técnico e a boa aprte dos xogadores que conseguiron o salto de categoría. Na pasada xornada o equipo que adestra Juan Amoedo conseguía sumar o seu primeiro punto no difícil campo da Chanciña, cun empate ante o Campolameiro. Na próxima xornada, que será ante o Unión Dena, o Arcade tentará colleitar o seu primeiro triunfo da temporada. Será o domingo, ás 17.15 horas no campo do Salgueirón. No club confían en que o público os apoie "como ata o de agora" nos partidos que disputan na casa. O traballo da canteira, con moitos xogadores formados nas categorías inferiores do club, permítelles configurar un equipo senior con moitos futbolistas "da casa", e dar continuidade á filosofía do C.D. Arcade. Para García o deporte base é "fundamental" e as categorías inferiores son unha aposta clara do club.


Arcadia feminino


O equipo feminino, o Arcadia E.F., estreouse con vitoria na Primeira Galega ao golear ao Deportivo Orzán por 0-4. O domingo xogarán no campo do Victoria CF "B" en terras coruñesas, que aínda non sumou logo de perder na primeira xornada no campo do Umia.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: