www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 13 de Novembro de 2018

Rematan os traballos no CEIP Padín Truiteiro que permitirán acoller aos alumnos de infantil
Sociedade • 6/09/2018
Autor: M. X. Queimaliños

As actuacións realizadas buscan que o centro estea adaptado para recibir aos alumnos máis cativos que este curso chegan ao Colexio procedentes do edificio da Oliveira. Modificacións nas aulas, varandas e elementos de seguridade do edificio que buscan que os novos alumnos se adapten con máis facilidade as novas instalacións.


Os traballos centráronse na instalación de catro baños adaptados para os alumnos de infantil ademais da completa remodelación das aulas, que inclúen zonas de xogos con pavimento especial para nenos. Do mesmo xeito, instalouse un aseo novo na biblioteca e reformáronse o resto de baños comúns do centro instalando novas pezas de cerámica e fontanaría. A parte cuberta do patio reformouse completamente e, para aumentar a seguridade dos novos alumnos, instalouse un novo valado en todas as escaleiras exteriores e na zona de xogos exterior.


Do mesmo xeito, instaláronse novas varandas de seguridade adaptadas aos alumnos de infantil en todas as escaleiras interiores do centro, ampliouse a zona de comedor en máis de 40 metros cadrados e mellorouse o acceso a esta zona cunha nova porta que permite o paso directamente desde o exterior do edificio.


Por último, mellorouse a zona axardinada coa instalación de novos elementos ademais de pequenos retoques nos exteriores do edificio produto do uso.


As medidas tomadas para adaptar o PadinTruiteiro son o resultado do encontro que o alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, mantivo co director do centro, Modesto Campos, e o Xefe de Estudos, Francisco Obelleiro, e no que se concretaron as actuacións, a prioridade de cada unha e o financiamento da obra. Desta maneira, os traballos máis urxentes leváronse a cabo durante o verán e as restantes, como a renovación da cuberta do patio exterior e a mellora dos postes do exterior do comedir, realizaranse durante o parón vacacional de Nadal.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: