www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 23 de Setembro de 2018

Música, obradoiros, xantar popular e animación na I Romaría Cultural de Artistas de Redondela
Cultura • 4/09/2018
Autor: M. X. Queimaliños

Nace unha nova festa no noso concello e faino con espírito de continuidade. É a Romaría cultural de artistas e activistas de Redondela que se celebrará este sábado dende as doce do mediodía e ata a medianoite nas antigas casas dos mestres na Avenida Mendiño. A proposta, organizada dende Artelixo e a Asociación Millo Verde, ten o seu adiantos nos miniconcertos que a diario se están a desenvolver na praza de Figueroa ás 21:00 horas.


Bloquinho da Alegría será o artista invitado esta tarde nun concerto que serve para dar a coñecer a actividade do sábado. Logo de escoitar a Tok, Nota Male, Pina e Sete Cuncas aínda están pendentes as actuacións de Relámpago (mércores 5), Iván Gulín e Pillabands (xoves 6) e Empty Bottle (venres 7).


Actuacións que serven de preludio do que será a gran festa do sábado na que non faltará un pregoeiro de excepción, o actor, titiriteiro e tamén músico Tatán. Ao longo de toda a xornada a música será a gran protagonista pero haberá tamén un xantar popular ao que convidan a participar a todo o que o desexe, venda de produtos veganos e obradoiros para os máis cativos.


A música na Romaría Popular correrá a cargo dos grupos Chá, cerveja e violao, Leo i arremecaghoná, Seso Durán, Os Soutos& Beti, Haku, Tabula Rasa, e Chaleco Reflectante.


Unha xornada festiva que servirá para presentar oficialmente a Plataforma de Artistas e activistas de Redondela que conta xa con máis de cen socios e que busca fomentar a cultura e axudar a aqueles artistas locais en todos o que precisen.


Dende as organizacións convocantes da Romaría lamentan a pouca implicación do Concello no evento "non nos concederon practicamente nada do que lles solicitamos: cesión do palco municipal, que nos deran cobertura a través do seguro municipal que contratan para a organización de actividades ao aire libre... polo que optamos por organizalo sen o seu apoio".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: