www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 23 de Setembro de 2018

"Gonza", técnico do C.D. Choco: "Estou moi satisfeito co rendemento dos xogadores"
Deporte • 4/09/2018
Autor: Ana Prieto

Acaba de comezar a liga e o equipo redondelán ten aínda moita marxe de mellora. É a aposta do novo adestrador. Gonzale Fernández "Gonza" admite que é "imposible" suplir aos irmáns Montes no banco. Deixaron o listón "moi alto", pero confía nas posibilidades do equipo. Pide un pouco de tempo para que todas as pezas encaixen logo dos numerosos cambios no plantel.


O novo adestrador, que xa levaba varios anos ligado ao corpo técnico do anterior e Marcos Montes, asume agora o reto de adestrar por primeira vez un equipo de Terceira. Faino cun equipo que experimentou moitos cambios, non só no banco. Tan só se manteñen oito xogadores da pasada temporada, homes importantes como Cortegoso, Comís, Félix, Caloi ou Gabi Misa. Pero houbo moitos cambios, ata doce baixas e dez altas. Por diferentes motivos deixaron o equipo xogadores como Lucas, Ronald, Pablo Couñago, Rubén Comesaña, Gándara, Escobar, Iago ou Marquitos, entre outros. Entre as incorporacións destacan Aitor, Nacho Fariña, Fiuza, Xisco, Mintegui, Palmás, ou Cora. O técnico asume como algo "normal" todos eses cambios, que xa son habituais cada verán no C.D. Choco. Son moitos os equipos que se fixan no equipo redondelán polo rendemento dos seus xogadores, aos que lles chegan sempre ofertas doutros club. O comezo de temporada deixa unha derrota, ante o Bergantiños, e un empate co Arenteiro. "Gonza", malia ter sumado só un punto amósase "satisfeito" co rendemento dos xogadores e o seu compromiso. Sinala que xa tiña previsto que o primeiro mes, por calendario e falta de tempo, fose "complicado", pero confía en que os resultados melloren xa que o traballo do equipo "está a ser moi bo". O adestrador asume o reto reto con responsabilidade, e coñecedor da dificultade que iso supón pola esixencia do club e os afeccionados. Asume que "o listón está moi alto", e recoñece que suplir a figura dos irmáns Jacobo e Marcos Montes é "imposible" dada a calidade dos dous adestradores. O próximo sábado afronta o terceiro partido de liga, será no campo do Laracha. Outro conxunto con moitas novidades e que aínda ten a cero o seu casilleiro logo de perder os dous primeiros encontros da temporada. Os de Redondela vaixan coa intención de facer "o seu xogo" e sacar un resultado positivo.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: