www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 23 de Setembro de 2018

Lectura radiofónica para conmemorar a "chegada" do Nautilus á Enseada de San Simón
Cultura • 3/09/2018
Autor: M. X. Queimaliños

Co gallo da conmemoración do 150 aniversario da "chegada" do Nautilus á Enseada de San Simón, as Bibliotecas de Redondela e a Radio Municipal organizan unha  lectura radiofónica da obra de Jules Verne "Vinte mil leguas baixo dos mares" á que convidan a participar a toda a cidadanía. As persoas interesadas deberán achegarse as instalacións da emisora para proceder a gravación dun fragmento da obra. Unha lectura pública a través das ondas que busca homenaxear unha das obras fundamentais da literatura de aventuras.


A iniciativa, enmarcada dentro do programa de actividades que as Bibliotecas Municipais están a desenvolver co gallo do seu 50 aniversario, busca dar a coñecer a obra de Jules Verne, nun ano que acolle varias celebracións vernianas, centrándose nun dos seus textos máis vinculados coa nosa vila. De feito, un dos capítulos de referencia deste "Vinte mil leguas baixo dos mares" recolle a viaxe que traería ao famoso submarino Nautilus a mando do capitán Nemo ata a enseada de San Simón para proverse cos tesouros afundidos na  batalla de Rande.


Deste xeito, ademais do seu formato tradicional impreso, quérese achegar a historia tamén a través das ondas radiofónicas, cunha colaboración que permitirá a todo o que o desexe gravar un fragmento do libro. O único que hai que facer é achegarse á emisora (Casa da Cultura-Praza Figueroa s/n) a partir do vindeiro martes, 4 de setembro. Aconséllase chamar previamente ao teléfono 986/408139 (Radio Redondela) para determinar o horario máis axeitado.


Ademais de render homenaxe ao escritor e festexar a  "visita" do submarino ao noso concello, as BIbliotecas e a a Radio Municipal buscan poder bater un récord logrando recoller a lectura radiofónica máis longa feita dunha obra destas características.


Outro xeito de achegármonos a unha aventura de referencia de xeracións e xeracións na que o escritor francés amosa a súa maestría na ciencia ficción cunha historia na que tres personaxes, embarcados na procura dunha balea xigante, atópanse na auga a lombos dun monstro que resulta ser unha estraña máquina submarina, o Nautilus. Prisioneiros do misterioso capitán Nemo, a enseada de San Simón "recibíu a súa visita"  hai 150 anos, alá polo 1868.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: