www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 23 de Setembro de 2018

Veciños de Reboreda denuncian o mal estado da estrada provincial logo das obras da Deputación
Sociedade • 30/08/2018
Autor: Ana Prieto

Os traballos realizados polo departamento de Mobilidade na estrada que une as parroquias de Reboreda e Ventosela, a provincial EP-2900, non convence aos veciños. Denuncian que só se fixo "un lavado de cara" e que lonxe de mellorar a seguridade vial "empeorouse". Tamén reclaman danos sufridos en varios vehículos por non estar sinalizadas as obras.


O anuncio da Deputación de Pontevedra cando comezaron os traballos avanzaba que se procedería ao fresado da calzada nalgunhas zonas, para logo repoñer a capa de rodaxe e aplicar capas de tratamento antiescorregadizo. Pero segundo denuncian os veciños as obras realizadas non se axustan a ese anuncio. Juan Carlos Fernández, directivo da asociación veciñal da parroquia, denuncia que "só se repararon algunhas fochancas, e logo botaron un líquido bituminoso pola calzada". Non se asfalou de novo o camiño, e tan só esparexeron area pola superficie, polo que agora o vial "é máis esvaradío". Engade Fernández que nin sequera limparon as beiravías, e tampouco sinalizaron as obras "o que ocasionou que moitos veciños que pasaron pola zona manchasen os seus vehículos". Esteban dos Santos, un dos afectados, explica que o seu turismo está "totalmente manchado dese líquido bitumisono", xa non había sinalización que indicase os traballos na estrada. Os afectados estudan agora presentar reclamacións na Deputación Provincial para que se faga cargo dos danos nos seus coches. O alcalde de Redondela, Javier Bas, xunto aos concelleiros de Interior, Arturo González, e de Vías e Obras, María José Barciela, visitou onte a zona ante a demanda dos veciños. Tanto o rexedor como o colectivo de afectados anuncian que presentarán unha reclamación por escrito á Deputación para mostrar o seu rexeitamento ao resultado das obras. Barciela lamenta o resultado dos traballos, nos que a Deputación "quixo aforrar moitos cartos". Entende e comparte o malestar dos veciños, e denuncia "a perigosidade da vía, sobre para os motoristas", xa que a area que se estendeu polo firme do camiño fai que este sexa "máis escorregadizo". Lembra que desde o Concello se solicitou á Deputación a reparación de varios camiños que son de competencia provincial "que están en moi mal estado", e lamenta que desde este organismo "nin sequera se dea unha resposta".

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: