www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 23 de Setembro de 2018

Marco Antonio Santos: "Asinando o manifesto cumpro coa obriga de defender a Constitución"
Sociedade • 29/08/2018
Autor: Ana Prieto

O redondelán, cabo do Exército de Terra, foi o primeiro militar en activo que apoiou o manifesto antifranquista elaborado como resposta a un comunicado que exaltaba a figura do dictador. O Ministerio xa abriu unha investigación. Santos podería enfrontarse a un arresto de ata 60 días, a suspensión de emprego ou mesmo a expulsión do Exército.


Nas últimas horas son xa cinco os militares en activo e un Garda Civil os que se sumaron ao  manifesto antifranquista en resposta á "Declaración de respecto e desagravio ao xeneral Francisco Franco Bahamonde" que enxalza ao ditador, e apoiada por varios centos de oficiais. Fontes de Defensa confirmaron a decisión de investigar ao cabo redondelán porque "un militar en activo non pode facer ningunha declaración política". E que esta actuación é similar á emprendida contra os cinco militares na reserva que subscribiron a declaración a favor do ditador. Con todo, Santos asegura que aínda non recibiu ninguna notificación oficial, e que tan só sabe desa investigación "pola prensa". Estes días está de vacacións en Redondela, e será a próxima semana cando se incorpore ao seu posto de traballo en Madrid. Entende que será nese momento cando os seus superiores lle tomen declaración. En todo caso, Marco Antonio Santos "asume" as consecuencias que poidan ter as súas manifestacións, nas que se reafirma, ao asegurar que os que apoian o escrito a favor do ditador xenocida "son os que fixeron das Forzas Armadas o seu xardín particular desde o 36". Asegura que non fixo ninguna declaración política, senón que constatou "un feito histórico", xa que Francisco Franco foi cualificado de "xenocida" pola ONU. Santos entende que con estas declaración está a cumprir co seu deber como militar, xa que xurou "defender a Constitución e a Democracia". Defende que os "traidores" son os militares que xuraron esa Constitución e que, unha vez entraron na reserva "apoian ao ditador". Lembra que do mesmo xeito Francisco Franco, que xurou defender a Constitución republicana, "se levantou despois en armas contra ela". O cabo, secretario do Colectivo Republicano de Redondela, xa recibiu o apoio de diferentes colectivos, partidos políticos e asociacións. Santos tamén forma parte de Anemoi, o colectivo de militares demócratas. Segundo o réxime disciplinario militar, tanto el como o resto de militares en activo asinantes do manifesto, enfróntanse a un arresto de ata sesenta días, a suspensión de emprego ou mesmo a expulsión do Exército.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: