www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 23 de Setembro de 2018

Veciños de Soutomaior maniféstanse para esixir unha atención sanitaria "de calidade"
Sociedade • 28/08/2018
Autor: Ana Prieto

Residentes de Soutomaior e Arcade levan anos denunciando a precariedade do centro de saúde pola falta de médicos e pediatras. Actualmente contan coa metade de facultativos que lles correspondería polo número de poboación. Fartos de agardar por unha solución da Consellería de Sanidade, este domingo concentraranse na Alameda de Talo Río para reclamar o servizo sanitario "que lles corresponde".


Iago Treus, un dos veciños promotores desta movilización, explica que o problema pola falta de médicos "xa é vello" no municipio de Soutomaior. Os usuarios do centro de saúde levan anos denunciando a falta de médicos, e os problemas que lles ocasiona que desde o Servizo Galego de Saúde non cubran as baixas e vacacións dos facultativos. Actualmente o centro conta cun médico e unha enfermeira, que mesmo deben realizar as tarefas administrativas, "cando por poboación corresponderían dous médicos e dúas enfermeiras". A falta de profesionais sanitarios provoca en moitas ocasións o colapso da asistencia, obrigando aos pacientes a esperar horas para ser atendidos. No caso de que o médico deba ausentarse do centro de saúde para acudir a unha urxencia ou consulta domiciliaria supón que as instalacións permanecen sen ningún facultativo. É un problema grave, como explica Treus "que pode derivar nunha desgracia como a que aconteceu na Estrada, onde un home faleceu afogado por non haber ningún sanitario no centro". No caso do servizo de pediatría a situación non é mellor. Polo volume de nenos do municipio deberían ter dous pediatras, pero tan só contan con "medio", explica Treus, xa que comparten especialista co Centro de Saúde de Vilaboa. O feito de non ter un pediatra que cubra toda a xornada obriga a moitas familias a ter que desprazarse a outro Concello "cos prexuízos e trastornos que iso supón". Treus explica que as súas reivindicacións son "de xustiza" e que só están a reclamar "o que por lei lles corresponde". O pasado 17 de agosto celebrouse un coloquio onde expuxeron estes problemas e no que participou a plataforma SOS Sanidade Pública, xunto con colectivos veciñais de Arcade, e á que asistiron epresentantes dos tres partidos políticos con representación no Concello -PP, BNG e PSOE-. Tanto o grupo municipal do BNG, como o propio alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, trasladaron en distintas ocasións o seu malestar ao Sergas pola situación que afecta o centro de saúde de Arcade, reclamando unha maior dotación de persoal, pero polo de agora non houbo ningunha resposta. Por iso os veciños decidiron "pasar á acción" e "saír á rúa". O domingo, 2 de setembro, convocan á cidadanía a unha concentración na Alameda de Talo Río, ás 12.00 horas, para esixir unha asistencia sanitaria "de calidade". Ao acto está previsto que asistan o alcalde e concelleiros da coporación municipal así como representantes políticos do PSdG, BNG, Podemos e EU a nivel autonómico.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: