www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 23 de Setembro de 2018

Soutomaior pon en valor a desembocadura do río Verdugo con paneis e mobiliario urbano
Institucional • 21/08/2018
Autor: Ana Prieto

O proxecto prevé a instalación de varias mesas interpretativas con textos sobre as peculiaridades deste espazo natural ao longo do paseo marítimo de Arcade. Ademais, instalaranse cinco bancos de ferro fundido, varios paneis con información do patrimonio natural e histórico e unha mesa miradoiro con información sobre a cultura e a tradición local.


O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, acompañado do delegado da Xunta de Galicia en Vigo, Ignacio López Chaves, e o xefe territorial da Consellería de Medio Ambiente, José Manuel González, presentaron onte o proxecto de posta en valor da desembocadura do río Verdugo. O proxecto conta cun orzamento de 18.000 euros que será financiado na súa maior parte pola Xunta de Galicia mediante o programa de actuacións da Rede Natura. Os paneis e mesas interpretativas que se instalarán contribuirán a mellorar a recepción e información dos visitantes que acceden a el, mellorando así a ordenación e a experiencia da visita por parte dos turistas. A iniciativa, que xurdiu da colaboración veciñal interesada no desenvolvemento e protección da contorna do río "axudará a que tanto os veciños como os visitantes coñezan un pouco mellor a riqueza que temos e a importancia de respectala e coidala", segundo explicou o alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera. Pola súa banda, o delegado da Xunta de Galicia, Ignacio López Chaves, indicou que esta é unha das catro actuacións que o goberno autonómico está a levar a cabo na área de Vigo, e na que se investirán 75.000 euros para a protección de espazos protexidos.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: