www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 15 de Novembro de 2018

O BNG rexeita a alternativa á N-550 do PXOM polo impacto negativo no Salgueiral e os Eidos
Política • 16/08/2018
Autor: Ana Prieto

Dende o BNG redondelán consideran que a proposta recollida no borrador do Plan Xeral de Ordenación Municipal tería un impacto "moi negativo" para as zonas do Salguieral e os Eidos, xa que trasladaría os milleiros de vehículos que se desprazan cara Vigo, Pontevedra ou Portugal "a escasos metros do centro da vila".


Rematado o prazo para a presentación de suxestións ao borrador do PXOM de Redondela, tanto no periodo de propostas de Avaliación Ambiental Integrada na Consellaría de Medioambente, como de achegas ao Equipo Redactor, dende o BNG propoñen diversas iniciativas "na busca dunha maior protección ambiental e defensa dos intereses veciñais". O borrador recolle un vial que, partindo dende Vilavella iría soterrado cara a Quintela, saíndo á altura do túnel do AVE. Dende alí, pasaría pola intersección da estrada que vai a Reboreda e ao barrio de Eidos. A continuación circularía en paralelo á vía do AVE ata volver a enlazar coa N-550 á altura do acceso ao Pazo Pousadouro. Desde o BNG entenden que se trata dunha proposta "inviable a todas luces". Valoran negativamente a proposta polo seu impacto na zona do Salgueiral-Canabal "por onde pasaría todo o tráfico que na actualidade se desvía polo scaléxtric". O responsable local do BNG, Anxo Lusquiños, advirte que a zona vería incrementado o tráfico diario en mileiros de vehículos"que terían que ir ata Vilavella para continuar cara Pontevedra". Afirma que están de acordo na eliminación do denominado "scaléxtric", pero con solucións que melloren a situación "non que a empeoren". Explica que por este novo vial poderían pasar "ata 30.000 vehículos ao día", o que suporía un gran impacto medioambiental "e o deterioro na calidade de vida de centos de familias". O BNG entende ademais que esta proposta pode ser rexeitada polo Ministerio de Fomento "co que se corre o risco de que recuperen o Proxecto das Variantes de Redondela, recollida nos Orzamentos do Estado, e que tronzaría definitivamente o municipio". Lusquiños propón que se estude outra alternativa "de menor impacto". En paralelo demandan que se potencie o transporte publico dentro da Rede de Transporte Metropolitano "como o tren e o autobús" para reducir o volume de coches que atravesan a diraio a vila.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: