www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 13 de Novembro de 2018

Agresión homófoba en Redondela
Sucesos • 13/08/2018
Autor: Ana Prieto

O colectivo Avante LGTB vén de denunciar unha agresión homófoba en Redondela. A asociación recibiu unha denuncia anónima logo de que a un home lle lanzaran obxectos e fora insultado. Foi vítima dunha "trampa" xa que acudira a Redondela logo de citarse a través dunha aplicación de contactos para homes.


A asociación Avante LGTB recibiu a pasada semana unha denuncia anónima dun mozo ao que supostamente enganaron a través de "Grindr", unha aplicación de contacto para homes, e que cando chegou ao lugar da cita sufriu unha agresión homófoba. Alexandre Garrido, coordinador do colectivo, explica que a presunta vítima quedou con outro mozo a través desta ferramenta para atoparse nun portal do municipio, ata onde se desprazou en coche. Unha vez alí, atopouse cun grupo de mozos "que lle lanzaron obxectos e berrraron insultos homófobos". Garrido cualifica de "moi graves" os feitos ocorridos, xa que a agresión foi algo "planificado e premeditado, porque se tiveron que descargar a aplicación". A asociación considera que este tipo de accións "non poden quedar sen resposta" e a sociedade "debe deixar de ver normal" unha agresión como a que denuncian. Ademais, incide en que estes actos son "igualmente denunciables" aínda que "non chegue a haber violencia física". Desde Avante LGTB advirten que a estratexia de suplantación en plataformas como "Grindr" e similares é unha técnica utilizada en varios países para "cazar" a persoas LGTB, tanto por parte de grupos neonazis como mesmo por gobernos de países onde a homosexualidade é ilegal.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: