www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 23 de Setembro de 2018

Un castelo, mil historias por descubrir
Cultura • 13/08/2018
Autor: Ana Prieto

As victorias e derrotas de Pedro Madruga, as revoltas Irmandiñas ou a intensa actividade política e social da man da precursora do feminismo María Vinyals. Todas estas historias e moitas máis podemos coñecelas grazas á musalización do Castelo de Soutomaior, que é visitado por centos de persoas a diario.


A visita ao histórico inmoble, ademais dos espectaculares xardíns, estase a converter en cita obrigada para os milleiros de turistas que visitan as Rías Baixas. Desde a musealización do castelo por parte da Deputación de Pontevedra, as visitas multiplícanse. Ao atractivo histórico e paisaxístico do Castelo de Soutomaior, súmanse agora a máis moderna tecnoloxía, con material interactivo, sete audiovisuais, recreacións en 3D e varias maquetas. A presidenta da Deputación de Pontevedra cualificou de "éxito rotundo" as cifras de visitantes que se están a obter, con máis de 13.000 persoas dende a reapertura do Castelo a mediados de maio. Tamén aqueles que se achegan ao histórico recinto cualifican positivamente o resultado. Visitantes como Sole, chegada desde Madrid, valoraba tanto a beleza do inmoble como a paisaxe que o rodea e os seus xardíns. Moitos son os que se sorprenden da súa historia, como Fernando, que chegado tamén desde a capital valora "todos os recursos cos que conta e que serven para coñecer o pasado do castelo". Non só os que chegan desde fóra de Galicia, senón que tamén moitos veciños da provincia aproveitan estes días para coñecer o Castelo. É o caso de Mónica, natural de Sanxenxo, e que se achegaba por primeira vez ao castelo. Amosouse "moi satisfeita coa visita e o ben coidado que está todo". Os que repìten visita, como Geli, que chegaba desde O Grove, recoñecen que as instalacións están agora "moito mellor", tanto nos accesos ao castelo como polo material interactivo "que gusta moito aos nenos". De feito os máis pequenos poden experimentar neste espazo histórico con puzles, xogos de adiviñas e proxeccións que lles axudan a comprender a vida no castelo desde a Idade Media. Os guías do Castelo tamén sinalan a boa acollid do novo proxecto, que incrementou o númro de visitantes. Tanto turistas como veciños da contorna se achegan a diario a ver o castelo. Durante o curso son tamén numerosas as excursións de escolares, e tamén hai numerosas visitas de grupos organizados que chegan desde toda España, así como cruceiristas que aproveitan a súa escala no porto de Vigo para achegarse ao Castelo de Soutomaior.


Xardíns de Excelencia Internacional


O terreo do Castelo de Soutomaior comprende 25 hectáreas que ,ao longo da súa historia, se foron destinando a distintos usos. A orixe do parque e dos xardíns arranca de finais do século XIX. A Deputación Provincial, implicada no desenvolvemento e cultivo da camelia, quixo crear a súa propia colección, que se pode apreciar nos arredores do castelo, coas máis representativas e coñecidas especies e variedades. En 2012 convertiuse no primeiro xardín de España en ser recoñecido como Xardín de Excelencia Internacional pola Sociedade Internacional da Camelia.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: