www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 11 de Decembro de 2018

Xoán Carlos González: "Redondela ten potencialidades que están sen desenvolver"
Política • 7/08/2018
Autor: Ana Prieto

O voceiro do BNG na corporación redondelá encabezará a candidatura do Bloque nas eleccións municipais do próximo ano. Asume a decisión da Asemblea local "con responsabilidade" pero tamén con optimismo. Advirte que non se dará un escenario con maioría absoluta para ningún partido, polo que será preciso o diálogo e os acordos entre diferentes forzas.


A proposta de Xoán Carlos González como cabeza de cartel do BNG para as próximas eleccións locais contou co apoio unánime da Asemblea Local. Na valoración feita dende a Asemblea, tívose en conta "a traxectoria, a liña de traballo e o compromiso político" do actual voceiro nacionalista na corporación local. Para o candidato a decisión supón "unha grande responsabilidade e tamén un reto". Sinala que nos próximos meses o seu papel como concelleiro seguirá a ser o mesmo, o de "defender as demandas da veciñanza que non están a ser cubertas polo goberno local". González considera que o goberno en minoría de Javier Bas, malia ser democrático, non é o quere a cidadanía, e acúasao de ser "nocivo para a veciñanza", xa que a sociedade "perdeu espazos de expresión" e os servizos sociais "deterioráronse". Afirma que "as fórmulas para pretender controlar ao goberno do PP dende a oposición fracasaron". Salienta o voceiro nacionalista diversos contactos con colectivos e particulares que poñen enriba da mesa a necesidade dun cambio en Redondela . Asegura que o municipio "ten potencialidades que están sen desenvolver". Para o candidato do BNG é preciso "un investimento social fuxindo da propaganda e os personalismos, que nas parroquias disfruten das mesmas infraestructuras e un diálogo permanente con entidades e institucións, dando prioridade ás políticas socias". González advirte que as próximas eleccións municipais van deixar un panorama sen maiorías absolutas, polo que será imprescindible "o diálogo entre distintas forzas para chegar a acordos", un escenario no que augura ao BNG un papel fundamental.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: