www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 22 de Outubro de 2018

A aprobación do orzamento de Redondela: pacto secreto ou dinámica de consenso
Política • 30/07/2018
Autor: M. X. Queimaliños

O PP agradece a AER que lle permitise aprobar os orzamentos e o PSOE denuncia un pacto secreto. Dende a Agrupación de Electores aseguran que todos os grupos da oposición coñecían as propostas presentadas ao PP catro días antes do pleno e defenden a súa abstención, que permitiu ao goberno local sacar adiante uns orzamentos de máis de 19 millóns de euros, "como un xeito responsable de facer oposición".


En total son cinco puntos os pactados entre PP e AER. Cinco puntos que fan referencia ao control das contas dos grupos políticos, a que os orzamentos participativos se paralicen unha vez rematado o ano, aos investimentos do Redondela2020, que deberían volver negociarse de cara ao ano que vén, ou cuestións tales como un maior control sobre Aqualia e a ordenanza das terrazas.


Os populares amosan a súa satisfacción "porque o acordo con AER vai permitir continuar a senda de transformación de Redondela dentro dunha dinámica de consenso".


Entenden os populares que mentres AER busca o consenso o resto dos grupos da oposición "PSOE, BNG e edil non adscrito votan en contra despois de ter no seu poder o borrador durante cinco meses sen facer ningún tipo de achega, consulta ou emenda ao mesmos, o que confirma unha vez máis que Redondela non lles importa".


Lectura ben diferente fai o PSOE dende cuxas filas denuncian un "pacto secreto" que permite aprobar un orzamento caracterizado polo atraso na súa presentación, por presentar unha suma de ingresos inflada e irreal e unha partidas pouco concretas que non definen un proxecto de traballo.


Critican os socialistas que a abstención de AER permitise aos populares sacar adiante este orzamento cando no transcurso do debate criticaron tanto estes orzamentos como os anteriores manexados polo PP e que, malia isto, finalmente abstivéronse permitindo que foran aprobados. "Dito voto contrario aos argumentos esgrimidos durante o debate, foi clarexado mediante un pacto segredo entre AER e PP froito dunha reunión minutos antes do pleno e só anunciado no intre da votación para impedir a réplica dos demais grupos da oposición.


Do documento do pacto entre PP e AER explican os socialistas que "só un un punto entra dentro das bases dos orzamentos, é dicir, dan vía libre de actuación ao Goberno do PP".


Engaden os socialistas que "isto reafirma o pacto de goberno entre PP e AER xa que foi a abstención da AER a que propiciou o Goberno Municipal do PP e agora volven a darlle unha abstención para sacar uns orzamentos que non son para o ben de Redondela, senón para a campaña electoral do PP".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: