www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 20 de Novembro de 2018

O Choco, novo atractivo turístico de Redondela
Institucional • 12/07/2018
Autor: Lorena Otero

Coñecer a lonxa, as empresas transformadoras, o mercado, como se pode elaborar, cal é o proceso dende que se pesca até que chega aos nosos pratos e tamén onde se pode degustar. Isto é o que nos permite a nova “Ruta do Choco”. Tres propostas que van dende unha ruta no Chocochú ou a pé, o Choco emprende e o Choco mariñeiro, unha ruta pola ría de Vigo con parada na Illa de San Simón e no Meirande. Unha nova iniciativa que se estrea coa renovación da imaxe corporativa de “Turismo de Redondela” e nova oficina, que abre as súas portas en Reveriano Soutullo.


Ao turismo cultural e natural súmaselle agora o turismo industrial, co produto estrela de Redondela, o choco. En colaboración coa Asociación de Empresarios de Redondela e Fundamar, o concello de Redondela pon en marcha a "Ruta do Choco" que articula a oferta turística en tres rutas. Por unha banda o pasado histórico de Redondela, a súa riqueza arquitectónica e as súas peculiaridades como as casas mariñeiras, os edificios nobres ou os viadutos . Un percorrido que se pode facer a pé ou no "Chocochú", tren turístico que se estrea esta fin de semana con horario de tarde con saída desde a Praza de Santiago. Visitará o barrio histórico até Cesantes onde se rematará cunha visita á lonxa.


Para aqueles que queiran coñecer todo o proceso desde o mar ao prato, teñen a oportunidade de facelo co "Choco emprende". Visitas puntuais que terán unha hora de duración e nas que se visitará empresas transformadoras de produtos do mar, unha visita á lonxa e ao mercado, con exhibición incluída de limpeza de choco. A riqueza paisaxística poderá coñecerse a través do "Choco mariñeiro", cunha ruta marítima pola Ría de Vigo con parada na Illa de San Simón e no Meirande.


Tres rutas que pretenden incrementar a oferta turística en Redondela e abrirlle o abano de posibilidades aos visitantes.


"Turismo de Redondela" cambia de imaxe


O choco, a Illa de San Simón, a Batalla de Rande, a Coca, Julio Verne, os Galeóns, todos estes símbolos de Redondela están presentes na nova imaxe do departamento de turismo do Concello que non só estrea novo "look" senón tamén sede.
O escudo de Redondela e o choco, son os elementos predominantes da nova imaxe de marca deste departamento que a partir de agora poderemos atopar na rúa Reveriano Soutullo número un.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: