www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 22 de Setembro de 2018

Os veciños de Chapela denuncian a "deshumanización" da Avenida de Vigo
Sociedade • 10/07/2018
Autor: Ana Prieto

Perigo para os peóns que cruzan na glorieta da baixada a Pescanova, falta de vexetación e problemas de aparcamento son algúns dos problemas que denuncia a Asociación de Veciños de Chapela. Entenden que a única solución para evitar esta situación é eliminar o tráfico pesado desta estrada cun via alternativa polo litoral que conecte coa AP-9.


 


A remodelación da Avenida de Vigo non convence aos veciños. O presidente da asociación, Marcial Pérez, sinala que se trata dunha "deshumanización", xa que lonxe de dar máis seguridade aos peóns, os obriga a cruzar atravesando unha rotonda sen ningún tipo de protección. O paso de cebra, xunto á Alameda de Chapela, ten máis de vinte metros de lonxitude nunha zona cun elevao tránsito de camións que acceden á zona industrial situada na costa de Chapela. Pérez entende que a única solución posible pasa por "eliminar o tráfico pesado da zona". Os veciños levan anos demandando un vial alternativo polo litoral que conecte as empresas coa autoestrada AP-9, nun tramo que segundo o compromiso de Fomento será de balde.


Outro problema que se agravou coa reforma da rúa é a falta de aparcamento. As obras de humanización eliminaron ducias de prazas de estacionamento na zona, e desde o Concello anunciárase que se crearían zonas alternativas para poder aparcar os vehículos. Os veciños advirten que polo de agora non existen eses novos aparcadoiros, e critican que se fagan as obras "antes de atopar unha solución para os problemas que xeneran"


A asociación de veciños advirte que se trata dunha importante zona comercial e de hostalaría da parroquia, ademais do mercado, e a falta de prazas de estacionamento está a prexudicar aos negocios.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: