www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 21 de Novembro de 2018

"La Manada", non grata en Redondela
Política • 5/07/2018
Autor: Lorena Otero

Unanimidade dos partidos da corporación municipal que apoiaron a moción presentada pola Asemblea Feminista Paxaretas para declarar como persoas non gratas aos cinco membros de “La Manada” acusados de agredir sexualmente a unha moza nos San Fermíns de 2016. Contundentes foron todos os partidos  tanto no rexeitamento da actitude dos agresores como o enxuizamento paralelo sufrido pola vítima. Educación, cambio do modelo patriarcal, formación no sector xudicial e políticas integradores foron algunhas das propostas que se escoitaron na sesión plenaria deste mércores.


Logo da decisión do tribunal de non prolongarlle a prisión preventiva aos cinco acusados, Paxaretas, considera que “as corporacións municipais, como expresión do mandato cidadá,  deben recoller o clamor da rúa, o pensar e o sentir de miles de mulleres e homes ante a resolución xudicial” que consideran vai contra a liberade de máis da metade da poboación, as mulleres. Porén solicitaron á corporación o veto de José Angel Prenda, Alfonso Jesús Cabezuelo, Jesús Escudero, Ángel Boza e Antonio Manuel Guerrero en todo o concello de Redondela.


O colectivo feminista facía fincapé en que "é coñecido e notorio que "La Manada" non ten amosado o máis  mínimo arrepentimento". De feito, os cinco, engadían, teñen defendido publicamente o seu desprezo pola vítima e sitúan o acontecido nun plano de normalización, elevando o sucedido a consentimento.


Unha moción que conseguía pór de acordo a todos os grupos da corporación. O edil non adscrito, Enrique Fojo, dicía sentir vergoña e indignación e apostaba por axilizar a xustiza, a creación dun plan integral e a erradicación do sesgo patriarcal da xustiza.


Dende o BNG, Xoán Carlos González, subliñaba a importancia da aprobación da moción para que a vítima se sinta arroupada non só pola sociedade senón tamén polas administracións. Lamentaba o xuízo paralelo ao que foi sometida e manifestaba o seu temor a que este tipo de resolucións xudiciais teñan un efecto chamada ao considerar que non son todo o contundentes que deberan.


A Agrupación de Electores, lembraba que o apoio da moción, non pode quedar só nun acto simbólico e que é necesario tomar medidas para atallar este tipo de situacións. Javier Bastos facía fincapé en que é necesario unha adaptación da lei, introducir cambios no sistema xudicial, a formación dos xuíces, campañas de sensibilización, pero sobre todo, no ámbito da educación.


Dende o PSOE, a edil Ana Isabel Rey, era contundente e afirmaba que “a xustiza é machista”. Reiteraba a necesidade de eliminar prexuízos e de promover a igualdade no ámbito da xustiza.


Un rexeitamento que tamén chegaba do PP. A súa portavoz, M ª Carmen Amoedo, cualificaba de “despoxos sociais" aos cinco membros de “La Manada”. A falta de arrepentimento e de rexeitamento do seu entorno, foron dous dos puntos nos que puña o foco Amoedo, que apostaba pola educación dende a infancia e o respecto para atallar o problema. Pedía contundencia aos propios homes porque son os primeiros, dixo, que teñen que amosar o seu rexeitamento a condutas machistas.


Así as cousas, o concello de Redondela sumouse a outros municipios de España que xa declararon aos cinco membros de “La Manada” persoas non gratas no seu territorio. Unha moción coa que o  colectivo feminista, que xa promoveu distintos actos reivindicativos desde que se coñeceu o caso, quere trasladarlle a súa solidariedade á vítima ademais de facer un chamamento a que todas e todos aqueles que sufran abusos ou agresións sexuais rompan o silencio e o denuncien.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código:

Audios relacionados co artigo
Asemplea Feminista Paxaretas
Así argumentaban a necesidade de presetar esta moción
Enrique Fojo edil non adscrito
Vergoña e Indignación dicía sentir Fojo ante casos coma este e apuntaba algúns cambios necesarios
Xoán Carlos González BNG
Considera que a sentenza non é suficiente o que pode ter un efecto chamada
Javier Bastos AER
Subliñan que se trata tan só dun acto simbólico e que o importante e tomar medidas
Ana Isabel Rey PSOE
A edil cualificaba de machista a xustiza e engadía a necesidade de rematar cos desigualdades neste ámbito
Mª Carmen Amoedo PP
A portavoz dos populares apostaba pola educación dende cativos como mellor xeito para atallar este problema social