www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 22 de Xullo de 2018

Campamento de remo, taller de memoria e festa para os socios na Cultural de Cesantes
Sociedade • 4/07/2018
Autor: Lorena Otero

O Círculo Cultural e Deportivo de Cesantes amplía a súa oferta para este verán con actividades para os máis novos pero tamén para os maiores e socios. Durante o mes de xullo e agosto está en marcha o campamento de remo con deportes náuticos e outras actividades deportivas, para os maiores ofertan un obradoiro de memoria e este sábado organizan unha festa para os socios na que non faltará a comida e a música. Tamén ampliarán o servizo de ludoteca durante o mes de agosto.


Coa chegada das vacacións estivais son moitas as propostas que pensan nos máis novos da casa e como cada ano dende a Cultural de Cesantes ofertan un campamento de remo, no que este é o deporte estrela pero tamén practican outro tipo modalidades como fútbol ou senderismo. Tres días a semana, luns, mércores e venres, dende as 9.30 ás 11.30 horas e cun custe de 30 euros. Actividades nas que os rapaces están divididos en grupos por idades e atendidos por persoal cualificado. Un campamento que como recoñecía o presidente do Círculo, Jorge Rodríguez Crespo, estase a converter na canteira do club de remo da parroquia.

Tamén dirixido aos rapaces, decidiron continuar no mes de agosto co servizo de ludoteca que neste mes ofrece o concello e no que participan quince nenos da parroquia. Manterase o horario, de 9.30 a 13.30, e a monitora. O custe será de 65 euros.


En colaboración co Centro de Día “Os Cortizos” propoñen un taller de memoria unha hora durante dous días á semana, martes e xoves, con actividades variadas e dinámicas que pretende atallar os déficits de memoria e fortalecer os mecanismos de retención así como mellorar a calidade de vida dos participantes e fomentar os vínculos socias.


Desde a asociación non se esquecen tampouco dos máis de 270 socios cos que contan e para agradecerlle o seu apoio celebran unha festa este sábado, sete de xullo, a partir das 21.00 horas na que non faltará sardiñas, xurelos, chouripan e viño ademais da música.


Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: