www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 22 de Setembro de 2018

Na sede do PSOE redondelán si, no Concello non
Política • 29/06/2018
Autor: Ana Prieto

O PSdeG de Redondela colocou a bandeira LGTBI no balcón da súa sede, na praza de Figueroa, ante a negativa do goberno local de facelo na Casa do Concello. Os socialistas denuncian que o executivo de Javier Bas incumpre un acordo plenario de hai un ano no que se acordaba pendurar a "bandeira da liberdade" durante os meses de xuño e xullo co gallo da celebración do Día Internacional do Orgullo LGTBI (lesbianas, gais, bisexuais, transexuais e intersexuais).


Hai un ano, no pleno do 28 de xuño de 2017, o PSdeG-Redondela levaba ao pleno que pendurara a bandeira LGTBI ou "bandeira da liberdade" na fachada do Concello de Redondela durante todo ese mes e o seguinte. Xustificábano pola celebración do Día Internacional do Orgullo LGTBI, data onde se manifesta o dereito á liberdade de orientación sexual. Lamenta o grupo socialista que, malia a importancia desta data, o Goberno Municipal do PP "non cumpriu no 2017 nin este ano". Lembran que o único acto en Redondela pola visibilidade e dereitos de orientación sexual, foi unha exposición fotográfica "Sorrisos transformadores" organizada pola Deputación de Pontevedra en Chapela. O PSdG redondelán advirte da importancia de defender os dereitos humanos, xa que os datos oficiais sinalan que preto do 40% dos delitos de odio que se producen no noso país son motivados "pola orientación sexual e identidade de xénero".

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: