www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 23 de Xullo de 2018

Festival de Cultura Urbana, karaoke e escapismo para os mozos no verán de Soutomaior
Sociedade • 27/06/2018
Autor: Ana Prieto

A OMIX de Soutomaior ten en marcha un amplo programa de actividades dirixidos á infancia e á xuventude. Está aberto o prazo de inscrición para o III Festival de Cultura Urbana que se celebra este domingo en Arcade, e tamén para o VII Concurso de karaoke e a xornada de Escapismo ao Vivo que terán lugar o sábado 7 de xullo.


A Oficina Municipal de Información Xuvenil ten aberto o prazo para inscribirse nas actividades do III Festival de Cultura Urbana. Nesta edición contan cun programa variado de actividades que abarcan desde o campionato de BMX e Scooter ata obradoiros de parkour, graffiti e personalización de gorras trucker. Todas estas actividades desenvolveránse durante a xornada do domingo, 1 de xullo, ao longo de todo o día. Sonia Pintos, responsable da OMIX, sinala que tamén haberá "moita música, danza urbana e outras espazos para poder praticar libremente o skate". Para os amantes da música tamén está aberto o prazo para inscribirse no VII Concurso de Karaoke. Ata o venres, 29 de xuño, poden anotarse os participantes a partir dos 5 anos de idade, anto encategoría individual como por parellas ou grupos. Os participantes poden elexir o seu tema entre un listado de case 700 cancións que poden consultar nas bases do concurso. Os que o desexen poden achegar a súa propia canción, en formato karaoke. Unha cita para "divertirse, perder o medo ao escenario e vivir unha experiencia diferente". O concurso será o sábado, 7 de xullo, ás 22.30 h no Multiusos en Arcade. Ese mesmo día, desde as 11 da mañán e ata as 5 da tarde, celebrarase a xornada "Escapismo en Soutomaior". Unha experiencia de escapismo "ao vivo" nun entorno natural e ao aire libre. A inscripción está aberta ata o xoves, 28 de xuño. A actividade está dirixida a mozos desde os 12 eos 35 anos, que poderán vivir unha experiencia única no entorno da praia da Muxeira e as illas Alvedosas e Medal, o río Verduxo e a praia da Xunqueira de Arcade. Terán que resolver adiviñas e atopar as pistas para resolver o misterio nunha proba que mistura contidos sobre a historia do municipio coa promoción de valores de respecto e conservación do medio natural.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: