www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 19 de Novembro de 2018

Soutomaior conciencia sobre o coidado do medio ambiente
Institucional • 22/06/2018
Autor: Lorena Otero

O 26 de xuño a Carballeira de Arcade acollerá un obradoiro no que se deseñará unha campaña informativa sobre os malos usos dos residuos e o domingo 15 de xullo celebrarase unha acción de campo na praia da Ponte Colgante sobre o custe que ten para o medio ambiente deixar lixo nas praias. A inscrición está aberta na OMIX de Soutomaior ou no enderezo educación@soutomaior.com até o 22 de xuño.



Sensibilizar, concienciar, formar e comprometer son algúns dos obxectivos do programa de educación medio ambiental “Si quero, colaborar” que organiza o Concello de Soutomaior e que prepara unha segunda acción con dobre proposta.  A primeira delas celebrarase o martes, 26 de xuño, na Carballeira de Arcade, dende as 17.00 horas até as 19.00. Unha acción formativa que pretende implicar á xente en todo o proceso de elaboración dunha campaña informativa reflexionando sobre as necesidades ambientais que hai na nosa contorna. Datos e información sobre os residuos que logo se plasmarán en lemas e carteis.


Na segunda acción pasarase ao traballo de campo na praia da Ponte Colgante para concienciar sobre o custe que ten para o medio ambiente deixar lixo nas praias e na natureza. Unha praia que é un bo exemplo da nosa pegada ambiental xa que nos últimos anos incrementouse notablemente o número de visitantes o que se traduciu en cabichas na area, envoltorios, excrementos de animais, entre outros residuos. A acción celebrarase entre as 17.00 e as 20.00 horas.


O prazo para inscribirse está aberto até o venres, 22 de xuño. As persoas que xa son voluntarias do programa  de voluntariado soamente terán que inscribirse na segunda acción. Os novos terán ademais de inscribirse que presentar copias do acordo de colaboración de voluntariado. As prazas son limitadas. Para recibir máis información poden chamar á OMIX de Soutomaior, 986700822, ou ben por correo electrónico educacion@soutomaior.com


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: