www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 20 de Novembro de 2018

Os veciños de Chapela esixen a eliminación "inmediata" da peaxe entre Redondela e Vigo
Sociedade • 20/06/2018
Autor: Ana Prieto

A comezos de ano o ministerio de Fomento comprometeuse a eliminar a peaxe da AP-9 entre Chapela e Vigo, tal como reclamaban de xeito unánime veciños, transportistas e partidos políticos. O ex ministro Íñigo de la Serna fixou como data o mes de xullo. A poucas datas de expirar o prazo descoñécese se o novo ministro Ábalos manterá o compromiso. No caso de que a peaxe non se elimine retomarán as mobilizacións na rúa.


O tramo da AP-9 entre Vigo e Chapela é dos máis caros do Estado, xa que os tres quilómetros de percorrido custan 0,90 euros. O presidente da Asociación de Veciños de Chapela, Marcial Pérez, confía en que o novo goberno socialista faga efectiva a promesa de eliminalo "de xeito inmediato", xa que tamén o PSOE demandaba a supresión desa peaxe cando estaba na oposición. Unha medida que considera "imprescindible" logo de que o actual responsable de Fomento anunciase a eliminación das peaxes noutras autoestradas do Estado. Lamenta Pérez que os galegos sexamos "os únicos parvos" que seguirán pagando peaxe ata o ano 2048. O representante veciñal advirte tamén que no caso de non cumprirse o compromiso retomarán as mobilizacións na rúa, ao tempo que lamenta que os políticos só fagan caso "cando a xente sae masivamente á rúa". Lembra que o prexuízo para os veciños de Chapela "é dobre", xa que ademais de pagar a peaxe deben soportar os prexuízos das obras de ampliación. Reclama tamén que se fagan efectivos os arranxos e melloras que establece o plan de reposicións. Advirte que unha vez rematados os traballos de ampliación da AP-9 ao seu paso pola parroquia "aínda son moitas as obras pendentes". Non se acometeu a instalación de pantallas acústicas para reducir o ruído, a reposición de viais afectados, e tampouco se repararon os danos nas vivendas afectadas. Pérez lembra tamén a necesidade de habilitar unha saída da autoestrada á altura das Torres de Padín para transformar esa parte da AP-9 nun tramo urbano. A directiva veciñal de Chapela, xunto coa do barrio vigués de Teis, acudirá mañá á sede da Xunta en Vigo para entregar un escrito dirixido ao novo ministro de Fomento, José Luís Ábalos, no que lle lembran o compromiso asumido polo departamento durante a etapa do seu predecesor, Íñigo de la Serna.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: