www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 22 de Setembro de 2018

Redondela, 35 anos a prol da lingua
Cultura • 15/06/2018
Autor: Lorena Otero

Como pioneira na defensa do galego, Redondela foi o concello elixido para homenaxear os 35 anos da aprobación da Lei de Normalización Ligüística. Un acto no que se puxo en valor o  papel que xogou o municipio na normalización do galego nas administración públicas así como na súa defensa a partir da década dos oitenta  o que se reflectiu na creación do primeiro departamento de Normalización Lingüística de Galicia.


“A lingua é a maior e máis orixinal creación colectiva dos galegos, é a verdadeira forza espiritual que lle dá unidade interna á nosa comunidade” así o recolle a introdución da Lei 3/1983, de Normalización Lingüística que foi aprobada o 15 de xuño de 1983 e así tamén se lembraba no acto institucional celebrado este venres na praza de Figueroa para homenaxear eses 35 anos de vida.


Un acto que contou coa presenza do presidente do Parlamento, Miguel Santalices, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o alcalde de Redondela, Javier Bas, e tamén o que foi un dos responsables de que Redondela se convertese nos anos oitenta nun referente na normalización da nosa lingua, Xosé González, o que fora creador e primeiro responsable do departamento de Normalización Ligüística do Concello. Un papel no que facía fincapé o secretario de Política Lingüística quen subliñaba que Redondela foi “un dos focos que alumeou a galeguización da administración local”.


Tamén houbo lembranzas para o papel que xogaron Ramón Piñeiro e Camilo Nogueira na aprobación e posta en marcha desta lei en 1983, como destacaba o profesor Alonso Montero. Unha normativa que saía adiante por unanimidade nun Parlamento de Galicia sen maioría, converténdose, en palabras do Parlamento de Galicia, en exemplo de consenso por parte de deputados e deputadas que “foron quen de aparcar as súas diferenzas e chegar ao consenso” para “devolver a plenitude de dereitos á nosa lingua”, como afirmara naquel entón Ramón Piñeiro.


Un acto que contou coa actuación musical de Luís Emilio Batallán e remataba coa descuberta dunhra placa en lembrana e homenaxe do traballo feito en Redondela pola galeguización da Aministración municipal.


 

Audios relacionados co artigo
Presidente Parlamento de Galicia
Miguel Santalices fixo fincapé na importancia de que exista un consenso en materia lingüística
Secretario Xeral de Política Lingüística
Valentín García fai fincapé no labor feito dende os anos oitenta en Redondela pola normalización do galego
Alcalde de Redondela
Javier Bas facía referencia ao traballo que se fixo e está a facer no concello para que o galego pase do estigma á estima
Primeiro responsable SNL de Redondela
Xosé González lembraba o feito dende 1980 en Redondela para normalizar o galego
Profesor Alonso Montero
Montero destacaba o papel de Ramón Piñeiro e Camilo Nogueira na posta en marcha da Lei de Normalización Lingüística
Xurxo Martínez técnico SNL Redondela
Matínez incidía en que o futuro do galego depende de cada un de nós