www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 22 de Xuño de 2018

O BNG reclama solucións á contaminación acústica dos trens no Viaducto a Pontevedra
Política • 13/06/2018
Autor: Ana Prieto

O grupo nacionalista xa advertiu hai un ano que as obras de mantemento realizadas por ADIF non recollían unha mellora do impacto acústico que supón o paso dos trens polo viaducto. Agora demandarán no Parlamento Galego unha partida orzamentaria para darlle solución a este problema e mesmo para subvencionar a insonorización das casas que o necesiten.


Hai un ano o Administrador de Infraestructuras Ferroviarias (ADIF), acometeu as obras de mantemento do Viaducto a Pontevedra ou "dos Carballos", en funcionamento dende o ano 1884. As obras están auspiciadas pola Autoridade Portuaria de Marín, cunha inversión de 2,5 millóns de euros. Cando comezaron os traballos, en xuño do 2017, o Bloque Nacionalista Galego presentaba unha moción no Concello de Redondela na que chamaba a atención sobre esta actuación "que non recollía unha mellora do impacto acústico que sofren a cotía os transeúntes e os residentes nas vivendas colindantes do viaducto". Ademáis cuestionábase parte das obras e o seu resultado final. Advirten que este mantemento afecta a toda a infraestructura, cuxo principal obxectivo é "a renovación de elementos que permitan o paso de trens de mercadorías de ata 22,5 toneladas por eixo". Deste xeito, preténdese reforzar unha infraestructura para permitir o paso de convois de mercadorías con maior volume. O edil nacionalista, Xoán Carlos González, rexeita o que manifestaba o alcalde Javier Bas, ao sinalar que se trata dunha inversión para Redondela "froito das súas xestións". Pola contra, González afirma que se trata dunha obra "enfocada a mellorar a competitividade da Autoridade Portuaria de Marín", e que vai supoñer que pola vía circulen trens de mercadoría con máis carga. As previsións son que este tráfico aumente nos vindeiros anos, co que as inversións "primarán a rendabilidade económica, sen ter en conta o impacto social". Por estes motivos nun encontro mantido co deputado Luís Bará trasladoulle unha xeira de iniciativas para que o Parlamento Galego "presione a ADIF". Co acordo parlamentario preténdese que se cre unha partida orzamentaria para estudiar o impacto acústico acometendo as obras necesarias para reducilo e mesmo abrir unha liña de subvencións para a insonorización daquelas vivendas que o requiran.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: