www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 19 de Xullo de 2018

O documental "Septiembre del 75" clausura a mostra "A criminalización do pensamento"
Sociedade • 8/06/2018
Autor: Ana Prieto

Hoxe venres, 8 de xuño, ás 20.00, terá lugar a clausura da exposición co Colectivo Republicano na Casa da Cultura. O documental conta a historia dun dos últimos fusilados no franquismo, o vigués Xosé Humberto Baena. O director, Adolfo Dufor, foi galardoado por este documental na Semana Internacional de Cine de Valladolid.


Dende o Colectivo Republicano amosaron o seu agradecemento a toda a xente que o longo destes días pasou polo local do BNG para visitar a exposición, logo de que o pasado mes de outubro fora retirada do Multiúsos da Xunqueira. Unha mostra que segundo Marcos Santos, secretario do Colectivo Republicano, "non buscaba insultar ou menosprezar a ninguén" e lamenta "profundamente" todo o acontecido con esta exposición, que foi censurada polo goberno local logo dunha denuncia dun sindicato policial. A exposición está conformada por fotografías das cargas policiais nas manifestación en Redondela polo peche de Regojo nos anos 80, recortes de prensa sobre os últimos fusilados do franquismo ou outras máis actuais como a represión policial en manifestación contra Irak ou do 15M. Pola súa banda, dende o BNG, amósanse satisfeitos de ter ofrecido aos veciños de Redondela a posibilidade de visitar esta exposición no seu local e agradecen "as mostras de apoio de solidariedade recibidas". Neste acto de clausura proxectarase o documental "Septiembre del 75", a historia do vigués Xosé Humberto Baena, unha das últimas persoas asasinadas polo franquismo no ano 1.975. Está dirixido por Adolfo Dufor, quen foi galardoado por este documental na Semana Internacional de Cine de Valladolid. A presentación correrá a cargo de Asunción Baamonde, integrante da Fundación contra a Intolerancia e que tamén é unha das protagonistas do documental.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: