www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 22 de Outubro de 2018

Música, deporte, xogos e graffitti na praia de Cesantes co XII Festival Alternativo Millo Verde
Cultura • 5/06/2018

Boa música e diversión para toda a familia, esa é a proposta do festival Millo Verde que se consolida no escenaria da praia da Punta, logo do éxito da pasada edición. Os grupos Che Sudaka, Lyre Le Temps, Tranceuntes e Kings Of The Beach encabezan os concertos programados para esta fin de semana. Será os días 7, 8 e 9 de xuño.


O Millo Verde chega un ano máis cargado de boa música e moitas actividades alternativas para público de todas as idades. Desde o xoves e ata o sábado a praia da Punta acollerá concertos dun total de 17 agrupacións, ademais de actividades deportivas, artísticas e xogos. O obxectivo da organización é "sorprender" un ano máis aos participantes, e confían en que as condicións meteorolóxicas permitan gozar do areal, logo do éxito acadado o pasado ano. Para facilitar o acceso a Cesantes a organización pon a disposición do público autobuses lanzadeira dende a avda. Mendiño. Ademais os que decidan aloxarse no camping de Cesantes contarán con descontos espciais para os días do festival. Os organizadores recomendan esquecerse do coche e trasladarse á praia neste transporte público para mellorar a mobilidade. Baixo a lema "Unha experiencia cultural non corazón do Atlántico", o cartel oficial do festival representa un mergullador semellante ao da escultura dedicada a Xulio Verne que pode verse na enseada de San Simón. Os grupos Che Sudaka, Lyre Le Temps, Tranceuntes e Kings Of The Beach encabezan o cartel, e xunto a eles haberá outros 13 grupos: King Salami and the Cumberland 3, Lakuta, Güintervan, Chaleco Reflector, Pillabands, Síndrome do Norte, A Chata Soul, Chacina de León, Folkólicos, Lóstrego, Gelem Gelem, Desconcerto e Cha, Cerveja e Violao. Ademais de música, o Millo Verde terá numerosas actividades paralelas para persoas de todas as idades tanto o venres como o sábado. Así, completan o evento un campionato de baloncesto 3x3, concurso de graffittis, o popular Eskalabirras (apilar o máximo de caixas de cervexa posible á vez que se escala por elas tentando non caer), Desafogo Percusivo Artelixo (elaborar instrumentos de percusión con materiais de refugallo), a actuación do artista Circanelo e un espazo de diversión para os máis pequenos co Xogos Millo Verde. O certame conta coa colaboración do Concello de Redondela a través dun convenio dotado con 16.500 euros.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: