www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 22 de Xullo de 2018

III Feira do Libro de Redondela reivindica á muller
Cultura • 4/06/2018
Autor: Lorena Otero

Entre o sete e o dez de xuño os libros tomarán a Alameda de Redondela con cinco casetas nas que ademais de mercar as novidades literarias con descontos do 10% tamén haberá presentacións, sinaturas de libros coa presenza de dúas premios Nacional de Literatura e actuacións para os máis cativos. Unha edición na que tamén se homenaxeará a Victoria Moreno e o cincuenta aniversario da Biblioteca Municipal.



Fina Casalderrey, Ledicia Costas, Elisabeth Bowman, Tician Ghiglionte, Rocio López, Finy Sesmonde, son algunhas das escritoras que pasarán por Redondela durante a celebración da terceira edición da Feira do Libro. Nomes femininos cos que este ano a Federación de Librarías de Galicia xunto ao concello de Redondela queren reivindicar o papel da muller neste sector no que cada vez teñen máis peso e facendo fincapé nun nome propio, o da mestra María Victoria Moreno, homenaxeada este ano no día das Letras Galegas como explicaba a concelleira de Cultura, Teresa París.


Sobre ela falará a escritora lucense Ánxela Gracían, encargada de inaugurar a feira e ler o pregón o xoves ás 19.00 horas na praza do Concello xunto á orquestra de Saxos de Redondela. Gracían vén de presetar a obra “Doce cartas a María Victoria Moreno” e con ela descubriremos a figura desta escritora que tamén contará cunha exposición na Alameda.


Catro días de feira pola que pasará a Premio Nacional de Literatura e membro da Real Academia Galega Fina Casalderrey co seu libro “Historias da bicicleta dun home lagarto”. Tamén Premio Nacional é Ledicia Costas que chega coa súa obra de literatura infantil “Estravaganzza Pérez” pero tamén estarán asinando as súas obras Joaquín González Acuña, Ticiana Ghiglionte Darriba, Elisabeth Bowman, Luis Gonzalo Segura, Beto Luces ou Rocío López. Escritores consagrados e outros que se están abrindo camiño, con estilos moi diversos, entre os que poderemos atopar moito máis que novela segundo apuntaba a coordinadora da Federación de Librarías de Galicia, Nani Regueira.


Nesta edición farase especial fincapé nos máis pequenos con varias actividades dirixidas a fomentar a lectura e crear hábito. A editorial Galaxia presentará o venres ás 19.00 horas “Camiños” de Maxín Blanco e o domingo ás 18.30 horas será a quenda do espectáculo “Cantares das Letras de Rosalía a Victoria Moreno” na que Luís Vallecillo fai un percorrido por todos os homenaxeados no 17 de Maio.


Tamén os pequenos serán os protagonistas do acto que promove a Biblioteca Municipal co gallo do seu cincuenta aniversario. A compañía Migallas Teatro presentará “Canta Connosco” o sábado ás 18.30 horas. Non faltará tampouco a Coca Simona nin Leolo a mascota da biblioteca que cumpre dez anos.


Nesta edición haberá cinco casetas, entre elas a libraría Moliére e La Imprenta de Redondela. A feira estará aberta o xoves e venres de 11.00 ás 14.00 horas e pola tarde dende ás 17.00 até ás 21.00 horas. Durante a fin de semana abrirán unha hora máis tarde e pechará ás 21.30 horas.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código:

Audios relacionados co artigo
Concelleira cultura Teresa París
París salientaba que será unha edición moi especial para Redondela porque se cumpren cincuenta anos das bibliotecas e se reivindicará o papel da muller
Federación de Librarías de Galicia Nani Regueira
Propostas de todos os xéneros e con escritores de prestixio
Cincuenta aniversario da Biblioteca Municipal
Mª Elena Becerra salietaba a importancia desta data
Libro infantil
Unha feira que fará fincapé na literatura infantil que está a vivir un dos seus mellores momentos en Galicia
Pregoeira
A escritora Ánxela Gracían reivindicará a figura de María Victoria Moreno