www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 24 de Xuño de 2018

Alfombristas e bailaríns protagonizan o arranque das Festas da Coca
Cultura • 30/05/2018
Autor: Ana Prieto

A praza do Concello acolleu esta tarde a homenaxe aos veciños e veciñas que ao longo dos anos participaron activamente nestas festas, así como o acto solemne de relevo das penlas. O pregón, a cargo do antigo Grupo Folclórico de Redondela, lembrou os éxitos desta agrupación, e a Orquestra París de Noia pechará os actos de hoxe co concerto no campo da feira.


Marisa González, Marivina Reboredo e Aurora Bastos, foron as encargadas de ler o pregón destas Festas da Coca, en representación do antigo Grupo Folclórico de Redondela. Esta agrupación, en activo entre 1969 e 1976, levou o nome de Redondela por toda Galicia, e tamén polo resto de España e Portugal, chegando a actual no festival iberoamericano da canción, OTI, no ano 1972. En varias ocasións gañaron o Festival Rexional de Coros e Danzas, onde foron distinguidos como mellor grupo folclórico nacional, mellor grupo de gaitas e mellor parella de baile. Aurora Bastos lembrou tamén que o Grupo Folclórico de Redondela forma parte da historia da Coca.Nos antos 70 foron os encargados de representar a Danza das Espadas, e ante a falta de homes para completar as figuras a danza contou tamén con participación feminina "por primeira vez en séculos". Con este pregón arrancou a festa máis identificativa de Redondela, na que os veciños e veciñas son protagonistas, xa que son eles os encargados de manter vivas as tradicións das alfombras florais e dos bailes. O Concello quixo así render homenaxe a algunhas das persoas que durante anos fixeron posible esta festa. Nesta edición o recoñecemento foi para Manuel Araújo, que durante anos participou na Danza das Espadas, e as alfolbristas María Dolores Otero López, Ángeles Virulegio González e Josefa Iglesias Crespo. Tamén recibiron a homenaxe do Concello os familiares de Esther Sánchez Míguez, xa falecida, e que durante décadas se encargou de elaborar os traxes de xigantes e cabezudos, dos "avós" e tamén das Burras e as Penlas. A xornada contou tamén coa acto solemne de relevo das penlas, no que Ainhoa Iglesias e Alexia Álvarez cederon o gorro a Laura Álvarez e Alba Figueroa. Pola súa banda Daniela Novelle e Bea Vilaboa como novas penlas recibiron tamén as súas "ás", coas que protagonizaron o seu primeiro baile. No acto, o alcalde de Redondela, Javier Bas, xunto as concelleiras de Eventos e Cultura, Ángela Antón e Teresa París, agradeceron a participación dos veciños nas diferentes tradicións que fan das Festas da Coca unha celebración "única no mundo".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: