www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 15 de Novembro de 2018

O xogador Aleksandar Petrovic estrea en Redondela o novo selo postal do Camiño Portugués
Sociedade • 29/05/2018
Autor: Ana Prieto

A Oficina de Correos de Redondela estrea un novo cuño do Camiño Portugués, que plasma a etapa que vai de Redondela a Pontevedra. Servirá para selar tanto envíos postais como a Credencial dos peregrinos. A presentación realizouse aproveitando a chegada a Redondela do xogador de baloncesto Aleksandar Petrovic, que se atopa realizando esta ruta Xacobea dentro do proxecto "O Camiño acaba en Obradoiro".


A oficina de Correos de Redondela presentou onte o novo cuño turístico que se poderá utilizar a partir de hoxe tanto para selar os envíos que saian da oficina a calquera destino nacional ou internacional, como para selar a Credencial dos peregrinos que realizan o Camiño Portugués. O selo foi presentado polo director da oficina postal, Leonardo Cabaleiro, e o xogador de baloncesto croata Aleksandar Petrovic, que se atopa esta semana realizando o Camiño Portugués dentro do proxecto "O Camiño acaba en Obradoiro". Petrovic, xunto ao seu fillo e o resto de participantes neste evento solidario que organiza o club de baloncesto Monbus Obradoiro, puido realizar o primeiro selado, tando na súa Credencial de peregrino como nunha postal que enviou desde a propia oficina redondelá. Ademais deste selo turístico, Correos tamén pon a disposición dos pregrinos unha serie de servizos para axudarlles a realizar o camiño dun xeito máis sinxelo. Entre os servizos está o "Paq Mochila", co que os carteiros transportan a equipaxe dos peregrinos cada día ao seu lugar de aloxamento, para que poidan realizar a andaina máis cómodos. Ademais en calquera oficina de Correos poden realizar envíos de paquetes, mochilas ou maletas co "Paq Peregrino". Tamén co "Paq Bicicleta" poden enviar as súas bicis tanto ao principio como ao final do Camiño.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: