Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 16 de Agosto de 2018

Os premios Peña Novo homenaxean a Mª Xosé Queizán, Manuel González e Xesús Costas Abreu
Cultura • 29/05/2018

O xurado da XXIV edición dos Premios Peña Novo 2018 acordou conceder os galardóns desta edición a María Xosé Queizán, Manuel González González e Xesús Costas Abreu polo seu compromiso co galego tanto a través das súas traxectorias vitais como nos seus respectivos campos das letras, a investigación e a administración pública.


O recoñecemento a Queizán é por unha traxectoria de compromiso coa lingua e a cultura galegas desde os anos 50 ata hoxe. Compromiso que se reflicte nas múltiples vertentes da súa vida e obra: ensino, narrativa, ensaio, poesía, tradución ou teatro, o que a cualifica como unha polígrafa da cultura galega. Constante defensora do papel da muller na sociedade, está considerada como unha das mentes máis preclaras do feminismo galego, reivindicando un feminismo único, racionalista e defensor dos valores da liberdade e a igualdade.


Pola súa banda, o premio a Manuel González González, destaca o seu traballo de investigación científica e constantes achegas á riqueza do noso idioma a través das múltiples e prestixiosas institucións das que forma parte: Instituto da Lingua Galega, Centro de Investigacións Científicas Ramón Piñeiro ou Real Academia Galega, entre outras.


De Xesús Costas Abreu o xurado prima o seu compromiso coa defensa da lingua galega no ámbito da administración local na que desenvolve o seu traballo como asesor xurídico do Concello de Vigo. Tamén se implicou na fixación dunha linguaxe xurídica e na promoción da lingua no eido administrativo, o que o levou á creación de manuais de documentación para uso dos funcionarios ou a formar parte da sección de lingua no Consello da Cultura Galega, así como a colaborar dunha maneira activa en iniciativas a prol da normalización lingüística.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: