www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 23 de Xullo de 2018

A exposición do Colectivo Republicano censurada polo PP poderá verse na sede do BNG
Política • 25/05/2018
Autor: M. X. Queimaliños

A exposición "A criminalización do pensamento" que fora censurada e retirada do Multiúsos da Xunqueira polo goberno de Redondela, alegando que podía incorrer nun delito de incitación ao odio, poderá verse na sede do Bloque na praza da Constitución. Unha mostra que recolle imaxes das cargas policiais dos anos 80 contra as traballadoras de Regojo así como do último asasinado polo franquismo e que poderá ser visitada dende o 29 de maio ata o 8 de xuño en horario de 19:00 a 21:00 horas.


A inauguración terá lugar o martes 29 de maio as 20.00 horas na praza da Constitución a cargo do Colectivo Republicano e contará coas intervencións do voceiro municipal do BNG, Xoán Carlos González e o deputado nacionalista Luis Bará.


Unha exposición que inicialmente fora autorizada polo goberno local pero que os poucos días decidiu retirala do Multiusos, logo dunha denuncia a través das redes socias feita por un  sindicato policial (UFP). Unha decisión que para o responsable local do BNG, Anxo Lusquiños foi claramente un atentado contra a liberdade de expresión.


A retirada desta exposición tivo unha grande repercusión mediática e mesmo chegou a mans da valedora do pobo quen arquivou a denuncia presentada polo Colectivo Republicano. Explica Lusquiños que esa resolución da Valedora do Pobo "foi un detonante para organizarnos e buscar un espazo no que acoller esta exposición".


"A criminalización do pensamento" amosa principalmente uns feitos acontecidos no pasado recente do noso concello, mediante fotografías e recortes de xornais que daban conta das mobilizacións que tiveron lugar en Redondela aló polo ano 1987 tralo peche da factoría téxtil de Regojo, onde moitas veciñas e veciños foron detidos e golpeados pola policía. Tamén se atopan imaxes dos últimos fusilados polo réxime franquista, cunha especial referencia ao vigués José Humberto Baena Alonso, fusilado no ano 1975.


Dende o Colectivo Republicano, o seu secretario Marcos Santos sinala que "O Partido Popular co secuestro deste mostra, pretendeu agochar e silenciar un dereito básico que todas e todos temos, como é o dereito de liberdade de expresión e de pensamento, compre salientar que foi a primeira vez que no noso concello retirouse una exposición dun espazo público por orden da alcaldía".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: