www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 6 de Xuño de 2020

Máis de 400 persoas participaron na III Carreira Vila de Redondela
Deporte • 21/06/2010
Autor: Ana Prieto

Éxito de participación na proba de atletismo disputada onte en Redondela, xa que se duplicou o número de participantes da pasada edición. Máis de 400 persoas chegaron á meta. Desde a organización amosáronse "encantados", tanto pola alta participación como polo gran nivel dos corredores que se fixeron cos primeiros postos, como Daniel Barguiela e Akka Essasoui


Cumpríronse sobradamente as previsións máis optimistas para a III Carreira Vila de Redondela. A proba, cun percorrido de 6 quilómetros entre Redondela e Cesantes, superou as expectativas de participación, xa que máis de 400 persoas cruzaron a liña de meta. Precisamente, contar co maior número posible de corredores era a intención da Piscina Municipal e da Concellería de Deportes, que organizaron a proba. Segundo José Bamio, xerente da piscina, a carreira discorreu sen incidentes, e os participantes gozaron dunhas condicións meteorolóxicas "inmellorables". Bamio salientou tamén a "máxima satisfacción" por parte da organización, tanto pola numerosa participación, como polo gran nivel dos corredores que acapararon os primeiros postos da proba. Cabe destacar ó gañador na categoría absoluta, o ponteareán Daniel Barguiela, seguido do marroquí Akka Essadoui, dous atletas que fixeron o percorrido en menos de 18 minutos. O terceira clasificado foi Rubén Pereira. En canto ós redondeláns, o primeiro en chegar a meta foi Antonio Sobrado, cun tempo de 20 minutos, que na xeral acadaba a 10ª posición.


Na categoría feminina a vilagarciá Guadalupe Lodeiro fíxose co ouro,seguida de María Figueroa e a redondelá Teresa González en terceiro lugar. Pero todos os participantes recibiron un agasallo ó chegar a meta, que consistiu nunha camiseta de atletismo. Ademais a organización recoñeceu cun trofeo ó participante de máis idade, o redondelán José Antonio Méndez, que ós seu 68 anos rematou a carreira nun tempo de 31 minutos.


Lembrar tamén que esta foi a última oportunidade en Redondela de disputar un circuíto urbano de 6 quilómetros, xa que a partir de 2011 a carreira será entre Chapela e Redondela, sobre un traxecto de dez quilómetros.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: