www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 15 de Novembro de 2018

"O Señorito da Reboraina" sobe aos escenarios
Cultura • 23/05/2018
Autor: M. X. Queimaliños

O Multiúsos da Xunqueira acolle este venres ás 20:00 horas a actuación teatral a cargo do alumando e profesorado da Escola de Arte Dramático que levan ao escenario unha adaptación da obra de Ramón Otero Pedrayo "O señorito da Reboraina". Unha adaptación desta novela que se centra na figura de Xoán Manuel Pereira, personaxe natural de Reboreda ben coñecido entre nós, un liberal progresista do XIX que viviu unha vida moi intensa na época. Unha figura reivindicada que é posta en valor tamén a través desta representación. Unha actividade organizada polo Servizo de Normalización Lingüística que organiza tamén o venres un contacontos na Biblioteca de Chapela en torno a figura de María Victoria Moreno.


En 1960 Otero Pedrayo escribiu a súa derradeira novela, "O señorito da Reboraina´´, baseada na vida dun veciño da parroquia de Reboreda, o fidalgo don Xoán Manuel Pereira de Castro (Reboreda, 24/05/1820 - Ourense 15/04/1896). Un revolucionario liberal e progresista da Galicia do século XIX, un singular personaxe que dá orixe á novela de humor e aventuras que parodia o mundo da fidalguía. "O señorito da Reboraina" é unha recreación literaria e novelesca de don Xoán Manuel Pereira, señor de Reboreda que lle outorga a esta parroquia un lugar na literatura.


Un texto que é adaptado polo profesorado e alumnado da ESAD (Escola Superior de Arte Dramática de Galicia) e que se poderá ver este venres ás 20:00 horas no Multiúsos da Xunqueira con entrada de balde da man do Servizo de Normalización Lingüística.


Tamén dende esta departamento organizan o mesmo venres na Biblioteca de Chapela un contacontos enmarcado dentro da programación das Letras galegas. Leva por título "Contos no faiado" con Marta Ortiz, quen percorrerá algunhas das historias máis emocionantes da escritora homenaxeada nas Letras Galegas deste ano.


Unha propostas para o venres 25 ás 18:00 horas orientada a nenos a partir de 5 anos.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: