www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 17 de Outubro de 2018

Redondela celebra o I Día do Maior cunha xornada de actividades, xogos, música e baile
Sociedade • 22/05/2018
Autor: Ana Prieto

O Concello de Redondela organiza o próximo venres, 25 de maio, unha xornada de homenaxe aos maiores. As actividades desenvolveranse no complexo deportivo de Santa Mariña e o pavillón da Marisma, e contarán coa colaboración dos Centros de Día do municipio e do IES Chapela. A inscrición na actividade, que inclúe o xantar e as merendas, ten un prezo de 10 euros.


Toda unha xornada dedicada aos maiores, esa é a intención do Concello de Redondela con este día do Maior, que confían que sexa "o primeiro de moitos máis que virán" nos próximos anos. A concelleira de Servizos Sociais, Carmen Amoedo, explicou que se trata dunha celebración na que os maiores poderán "compartir experiencias" e participar nun intercambio "xeneracional" con nenos no Complexo Deportivo de Santa Mariña. O programa de actividades inclúe charlas sobre hábitos de vida saudables, actuacións musicais coas Cantareiras do Carballo das Cen Polas, animación grupal de baile, clases de Taichí e xogos populares. O IES Chapela colabora co Concello na celebración desta xornada, xa que os alumnos do centro participarán como coidadores para atender aos maiores. Trátase duns 80 estudantes do Ciclo Medio de Atención a Persoas con Dependencia e do Ciclo Superior de Integración Social. Antonio Bas, xefe de estudos do instituto, salientou que é "moi positivo para os alumnos" poder participar desta experiencia, xa que farán prácticas reais mesmo antes de rematar os seus estudos. Como responsble dos ciclos de formación gustaríalle que esta actividade "teña continuidade e se repita nos próximos anos", e compometeu a colaboración do centro de ensino tanto para esta iniciativa como para outras que o Concello propoña no futuro.


 O alcalde, Javier Bas, sinalou que a intención do Concello de Redondela é consolidar esta celebración para que se repita nos próximos anos. Apostou por dedicar un día aos maiores, xa que son os que "co seu sacrificio" fixeron posible que hoxe teñamos "unha mellor calidade de vida. Na actividade colaborarán Cruz Vermella, varios supermercados de Redondela, que donan alimentos e bebidas, e tamén os catro Centros de Día do Municipio. Trátase das institucións privadas Galeón, Arela e Os Cortizos, e o centro público da Xunta de Galicia, en Cesantes. As inscricións para participar na xornada poden facerse a través do teléfono 619.543.172 ou no enderezo electrónico info@lorenaeventos.org.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: