www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 24 de Maio de 2018

Redondela decide en pleno extraordinario en que investir os 1,6 millóns de euros de remanente
Política • 14/05/2018
Autor: M. X. Queimaliños

A proposta do goberno local sairá adiante ao contar cos votos a favor de AER quen adiantou o seu apoio a Javier Bas porque os investimentos propostos "recollen unha selección de diversas achegas e demandas veciñais presentadas durante este período". O 1,6 millóns de euros destinaranse a desenvolver actuacións de mellora da eficiencia enerxética, dotacións culturais, recreativas, deportivas e de protección do patrimonio. A sesión terá lugar hoxe luns ás 20:00 horas no salón de plenos da Casa do Concello.


Dende a Agrupación de Electores explican que unha parte importante deste remanente destinarase a eficiencia enerxética no alumeado público, o que suporá "un importante aforro para as arcas públicas unha vez se substitúan os actuais sistemas de iluminación nos diferentes viais de Redondela por sistemas de iluminación LED". As actuacións a realizar serían aproveitadas tamén para a reparación de zonas onde soen ser habituais os fallos na iluminación como a Avda. Mendiño, na Rabadeira, na Xunqueira, na rúa Xeneral Rubín, na praia de Cesantes, en Arealonga-Laredo, na rúa Alfonso XII, en Pai Crespo e na zona de Cubillón.


Engaden que outras das actuacións demandadas pola veciñanza de Redondela que aportou AER foi a sinalización e mellora da ruta das Pedras en Ventosela, de tal xeito que se recupere e sinalice axeitadamente esta senda que transcorre polos montes desta parroquia, percorrendo diferentes elementos do patrimonio cultural e por "pedras" singulares cun recoñecido valor histórico, cultural e social.


Contémplase tamén nesta propostas a creación dunha zona de lecer no barrio dos Eidos, zona residencial do casco urbano de Redondela que máis medrou nos últimos anos e na que residen moitas parellas con cativas e cativos. Tamén pensando nos máis pequenos contémplase a dotación de elementos de xogo para a escola unitaria de San Pedro de Cesantes e Ventosela.


A nivel deportivo destaca a mellora do Campo de fútbol da Gándara no Viso, sendo esta una demanda da veciñanza desta parroquia que é compartida por todos os grupos políticos e a creación dunha zona multideporte xunto ao pavillón da Marisma, que á parte de incluír unha pista de skate e patinaxe, incluiría tamén unha pista de baloncesto.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: