www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 24 de Maio de 2018

Redondela prepárase para a invasión dos títeres
Cultura • 7/05/2018
Autor: M. X. Queimaliños

O Festival internacional de Tïteres está xa chamando a porta. A partir do vindeiro luns día 14 e durante toda a semana Redondela volverá ser a capital do monicreque. Unha intensa programación escolar, a tradicional programación de sala con compañías procedentes de todo o mundo e ducias de espectáculos nas rúas no festivo do Día das Letras galegas e na fin de semana do 19 e 20, conforman o cartel desta XIX edición. Os organizadores confían en asinar esta semana o convenio co concello e lamentan ter que esperar ata o último momento para asegurar a axuda económica procedente da administración local.


O programa está xa pechado nunha nova edición que arrancará o luns 14 coa programación escolar, na que xa hai confirmados máis de 2.400 cativos. Ademais do mellor teatro de monicreques, a programación ábrese a outras disciplinas como a música, o concerto de María Fumaça, circo de rúa e a ruada participativa "10.000 leguas de viaxe pola vila".


E cando resta menos dunha semana para que todo estea en marcha, a organización está aínda pendente da sinatura do convenio co concello. Explica o seu director Luis Crespo que "o recibimos esta mesma mañá e confiamos asinalos canto antes, entendemos que debería estar xa asinado no mes de febreiro para contar así contar cunha certa seguridade económica para afrontar aló menos unha parte do custe total que ascende a 105.000 euros".


Un importante desembolso económico que serve para financiar a campaña escolar e traer compañías de todo o mundo a Redondela que abrirán os seus espectáculos a todo o público a partir do mércores. Unha das primeiras propostas Don Davel, quen será o encargado de abrir a programación de sala con Le Fumiste "unha reflexión poética de manipulación de obxectos e espectáculo circense".


Stephen Mottram con "The Parachute", David Zuazola con "El juego del tiempo", Periferia Teatro con "Vuela Pluma"; a Compañía Jordi Bertrán con "Poemes Visuals", Baobab Teatro con "Pum! Pum!" E Títeres Etcétera con "El Alma del Pueblo" son outros dos espectáculos que pasarán polo Multiúsos.


Monicreques, circo de rúa e música nas rúas


Como xa é habitual, o 17 de maio e a fin de semana, os monicreques sairán do teatro para exhibirse nas prazas e rúas de Redondela. Nesta edición, ademais, o programa acollerá outras disciplinas artísticas, co concerto de María Fumaça o Día das Letras Galegas, o novo circo, a cargo da compañía Teatro ao Cubo e os espectáculos itinerantes.


O domingo 20, os protagonistas da ruada participativa "10.000 leguas de viaxe pola vila" serán os cativos da vila, que acompañarán a un grande submarino -dos portugueses Projeto EZ- disfrazados de choco ou de calquera outro animal mariño dende o peirao de Cesantes ata o centro de Redondela.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: