www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 19 de Novembro de 2018

Elefantes de papel: 52 relatos, 52 presentacións
Cultura • 4/05/2018
Autor: M. X. Queimaliños

A biblioteca de Chapela acolle este venres a presentación do libro solidario "Elefantes de Papel". Unha publicación enmarcada dentro dun proxecto solidario que parte dos dous autores do libro, Berto Pirata e María Salina. En cada localidade na que se presentan parte dos beneficios das vendas do libro van destinados a unha ONG ou Asociación, neste caso o colectivo será a Asociación de Persoas con Necesidades Especiais Andaina.


O libro é un compendio de 52 relatos curtos en galego e castelán, escritos conxuntamente por Berto Pirata e mais por María Salinas e ilustrados por Humberto Ademar Farias Igrexas.


A finalidade desta miscelánea de relatos é crear unha onda de solidariedade. O libro vai ser presentado nun total de 52 localidades de toda Galicia e do resto do Estado (hai xa pechadas seis presentacións en Madrid)


Ademais de buscar mover conciencias e promover a solidariedade, os autores doarán á asociación Conrazones da Guarda un euro das vendas de cada libro e, en cada localidade na que se presenten, destinarán outro euro de cada venda a un colectivo local. Neste caso a asociación elixida é Andaina.


Con todo, o proxecto non remata aí, xa que unha vez rematadas as presentacións todo o recadado será destinado a unha nova iniciativa aínda por desvelar.


A presentación de hoxe terá lugar ás 20:00 horas e anuncian que "non será unha presentación ao uso, será animada, haberá música e sorpresas" polo que animan a todo o mundo a se achegar. Ademais dos autores dos textos estarán presentes Olga Lalín de Andaina e Berto Covelo, encargado da ambientación musical.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: