www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 22 de Setembro de 2018

A festa dos Maios revive co sol
Cultura • 2/05/2018
Autor: M. X. Queimaliños

As quince composicións florais que participaban no concurso foron admiradas por centos de persoas que aproveitaron o festivo para achegarse a unha das festas máis tradicionais de Redondela. Retranca, humor e auténticas esculturas vexetais nunha animada xornada na que os máis pequenos foron os auténticos protagonistas no escenario.


O bo tempo animou a milleiros de persoas a celebrar na xornada de onte a Festa dos Maios en Redondela. Dende primeira hora podíanse ver na rúa Ribeira as quince composicións florais participantes e a nenos e nenas vendendo as coplas cargadas de retranca e humor. Habería que esperar ás doce para ver aos participantes subidos no palco interpretando os seus textos nos que non faltaron referencres a todos os temas de actualidade a nivel local, o transporte metropolitano, os lumes, a seca, as obras na Ponte de Rande, pero tamén cargadas de rimas sobre os "problemas de palacio",  o Máster de Cifuentes ou a corrupción.


Na categoría de maio artístico o xurado elixiu o espectacular traballo presentado pola Asociación Cultural de Saxamonde "Todo o peixe está vendido" que reproducía unha pescantina a gran tamaño. O segundo premio foi para "Os miudos de Samar" de Ventosela cunhas polbeiras elaboradas a base de fiuncho e outros materiais propios destas composicións vexetais. O terceiro premio levárono Os pequenos Mexillóns de Cedeira quen presentaron unha batea á que non lle faltaba detalle.


"O Carallo do Cono" realizado polos Miúdos de Reboreda levouse o primeiro premio en maio tradicional seguido do Carballo 2018 e Os trasnos de Quintela.


Todo o peixe está vendido repetía premio ao levar o primeiro na categoría das coplas, Os tirabeques recibían o segundo e quedaban en terceiro lugar os textos de As Sarilleiras.


Finalmente na categoría de mellor interpretación o xurado concedeu o primeiro premio a "Os Ventoliños" de Ventosela, o segundo a Todo o peixe está vendido e quedaron terceiras As Bolboretas.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: