www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 16 de Xullo de 2018

Os redondeláns poderán solicitar a PassVigo dende este xoves
Institucional • 25/04/2018
Autor: Lorena Otero

O xulgado do Contencioso Administrativo de Vigo vén de adoptar como medida cautelar a suspensión da esixencia de empadroamento no Concello de Vigo para a solicitiude e obtención da tarxeta. Unha medida que o concello vigués deberá facer efectiva este xoves o que permitirá que os redondeláns poidan beneficiarse dos descontos nas viaxes do Vitrasa. O alcalde de Redondela anunciou que este venres se reunirá cos veciños de Chapela e Trasmañó para informalos sobre estas medidas cautelares


Unhas medidas cautelares que eran recibidas con satisfacción polo alcalde de Redondela, Javier Bas, e o goberno local que comparecía ante os medios de comunicación para dar conta das medidas adoptadas polo xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Vigo en relación ao recurso presentado polo concello pola posta en marcha da tarxeta PassVigo.


Bas recoñecía que este é un dos momentos “máis sentidos dos que leva vivido como alcalde porque moitos veciños se ían ver prexudicados por esta medida inxusta”. Aseguraba que dende o goberno tentaron todas as vías de negociación para chegar a un acordo con Vigo e reiteraba que esa solución podería ter chegado a través do transporte metropolitano.


O rexedor local arremetía contra Abel Caballero, a quen culpaba da situación vivida e dixo entender aos veciños que no pleno deste martes amosaron as súas protestas polo trato discriminatorio. Unhas reivindicacións que considera lexítimas pero criticou a postura do PSOE, BNG e Podemos Redondela, que cualificou de “decepcionante” por non apoiar ao concello no contencioso presentado e por "aliñarse", dixo, con Abel Caballero.


Bas agradeceu aos veciños que apoiaron ao goberno neste proceso a súa paciencia e este venres esperan poder reunirse cos veciños de Chapela e Trasmañó para informar sobre o auto do xuíz no que se recolle “a suspensión da esixencia de empadroamento no concello de Vigo para a solicitude e obtención da Tarxeta PassVigo”.


Unha decisión que o maxistrado xustifica polo feito de que a esixencia do empadroamento non se recolle no convenio asinado entre o Concello, Abanca e Vitrasa, tampouco nas instrucións aprobadas nin no modelo de solicitude. Engade que mentres se espera ao ditame dunha sentenza firme, a esixencia do empadroamento xeraría continuadamente prexuízos a un número indeterminado de persoas, porén a decisión de tomar esta medida cautelar.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: