Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 20 de Agosto de 2018

Soutomaior súmase ao plan de transporte metropolitano de Pontevedra
Política • 25/04/2018
Autor: M. X. Queimaliños

Os veciños de Soutomaior tamén poderán acceder aos beneficios do Plan de Transporte Metropolitano de Pontevedra. O plan ten previsto bonificar máis de 2 millóns de viaxes ao ano en toda a área e conta cun orzamento de 1,4 millóns de euros. Beneficiaríanse do mesmo un total de 11 concellos da área metropolitana da capital da provincia.


O alcalde, Agustín Reguera, reuniuse cos representantes da Xunta e dos outros 11 concellos implicado no transporte . Durante a xuntanza, o goberno galego puxo a disposición dos representantes municipais o borrador inicial do convenio mediante o cal se articulará este plan, que aforrará ata 900 euros anuais aos usuarios frecuentes.


Reguera adiantou que levará este convenio ao próximo pleno municipal para sometelo á aprobación dos representantes locais e destacou que con este novo convenio, en 2019, os veciños de Soutomaior contarán cun transporte público económico e de calidade.


Do mesmo xeito que na área de Vigo, coa entrada en vigor do plan, os billetes sinxelos reducirán o seu custo de 1,55 a 0,86 euros, podendo sumarse diferentes descontos, chegando ata un máximo do 70%. Do mesmo xeito, os usuarios do transporte metropolitano que realicen máis de 40 viaxes ao ano verán reducido o custo de cada billete sinxelo posterior a 76 céntimos de euro.


Desde a Xunta de Galicia teñen prevista a posta en marcha do Transporte Metropolitano da área de Pontevedra a principios de 2019 e os municipios que entrarían a formar parte son Barro, Bueu, Campo Lameiro, Cercedo-Cotobade, Marín, Moraña, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra, Sanxenxo, Vilaboa e Soutomaior.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: