www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 22 de Xullo de 2018

O PSOE abandona o pleno tras un tenso arranque pola intervención veciñal a conta do transporte
Política • 24/04/2018
Autor: M. X. Queimaliños

Un cento de veciños de Chapela e Trasmañó protagonizaban a curta sesión plenaria celebrada na xornada de hoxe. Mantiveron nada máis arrancar un tenso debate co alcalde, Javier Bas, a quen lle recriminaron "a súa pasividade" ante a eliminación das bonificacións no Vitrasa aos veciños non empadroados en Vigo. Unhas críticas ás que Bas respondía que "todo o que había que facer está feito, agora toca esperar o que decida o xuíz". Resposta que non convencía aos veciños que ante a imposibilidade de participar no pleno decidían abandonar o Multiúsos. A continuación levantábanse os concelleiros do PSOE e, xa na quenda de mocións, ausentábanse tamén o concelleiro nacionalista e o edil non adscrito.


Previamente ao plante da maior parte da oposición -tan só quedaron os representantes de AER- Javier Bas explicaba que nestes momentos están á espera do que ditamine o xuíz respecto das medidas cautelares solicitadas dende Redondela. Ditas medidas consistirían en permitir aos usuarios do Vitrasa empregar a tarxeta verde ata que non se resolva o contencioso administrativo presentado polo Concello. Engadía que "o problema non está no concello de Redondela, o problema é do alcalde de Vigo que foi quen fixo que estas tarxetas deixaran de funcionar".


Palabras que eran recibidas con apupos por parte dos veciños quen insistían que dende o goberno de Redondela non se están a defender os intereses dos veciños "mentres se espera a resolución dos xuíz os que temos que pagar o sobrecuste nos billetes somos nós". Volvían esixir unha solución que pasa "porque a Xunta negocie con Vigo e se poña en marcha o transporte metropolitano".


Ante a imposibilidade de intervir, os veciños decidían abandonar o Multiúsos e, de seguido, levantábanse tamén os concelleiros socialistas. Xa na rúa explicaban que os motivos que os levaron a levantarse do pleno foi o trato que o grupo de goberno lles dispensaba aos veciños de Chapela. "Deben ter a posibilidade de intervir no pleno cando están a afrontar un problema tan grave como o do transporte con Vigo, do mesmo xeito que tamén os grupos da oposición deberíamos ter a posibilidade de argumentar a nosa postura e que non se escoite exclusivamente a voz do alcalde" explicaba xa fóra do edificio o socialista Eduardo Reguera.



Unha sesión plenaria que quedaba así baixo mínimos e na que non se debatía ningún asunto, ao retirar AER as mocións que tiña pendentes e non intervir na proposta do PP de adherirse a un convenio en prol a transparencia e o bo goberno. Proposta que saíu aprobada cos únicos votos a favor do goberno.


 Serviu, iso si, para que os veciños amosaran unha vez máis o seu malestar ante un conflito que entenden é exclusivamente político, froito do enfrontamento entre o socialista Abel Caballero e o PP, tanto na Xunta como no goberno de Redondela. Un conflito que lles supón un custe económico importante, xa que ao non ter acceso á Pass Vigo, exclusivamente para os empadorados nesa cidade, teñen que abonar por cada billete de Vitrasa 1,35 euros fronte aos 0,89 que pagaban ata o pasado 16 de abril.


Para amosar o seu malestar protagonizaron unha chamativa protesta achegándose ao multiúsos meida hora ante do inicio do pleno montados en cuadriciclos.


 


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: